A Fundación López Abente recordará a estancia que inspirou a novela de Rosalía

carballo / la voz

CARBALLO

Colocará unha placa no lugar onde estivo a casa onde se aloxou en 1853 e na que naceu «La hija del mar»

27 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Segundo recordaba hai uns días o historiador Luis Giadás, patrón da Fundación Eduardo Pondal, a relación entre o bardo pontecesán e Rosalía de Castro sempre foi moi estreita. O vínculo de amizade perdurou durante toda a súa vida e propiciou, por exemplo, que a poeta do Sar se achegase á Costa da Morte. «En setembro de 1853, na compaña de Eduarda, irmá de Pondal, visita Muxía con ocasión da romaría da Barca, que tan vivamente reflectiría nun soado poema», explicaba Giadás. Eses versos eran os de Nosa Señora da Barca, texto incluído no libro Cantares Gallegos, do que estes días estase a celebrar en toda Galicia o 150.º aniversario da súa publicación.

A conmemoración e a homenaxe chegará tamén a Muxía da man da Fundación Gonzalo López Abente, que, segundo explicaron onte, «quere pór en valor un feito importantísimo para Muxía, como é que Rosalía de Castro visitou a vila en 1853». Durante esa estancia, recordan, Rosalía e Eduarda Pondal enfermaron (as dúas sufriron o tifo) e a irmán do poeta pontecesán morreu. «Isto marcou profundamente a Rosalía, que permaneceu un tempo en Muxía, convalecente da súa enfermidade», rememoran dende a Fundación López Abente. Durante ese tempo a autora de Cantares Gallegos permaneceu na casa do médico Leandro Abente Chans, tío de Eduardo Pondal e avó de Gonzalo López Abente. Aquela tempada na vila, engaden os responsables da entidade muxiá, non só inspirou o poema Nosa Señora da Barca, senón tamén a primeira novela de Rosalía, La hija del mar, unha fermosa e dramática historia de amor.

Para recordar esa estreita relación de Rosalía con Muxía, a Fundación López Abente inaugurará este sábado (17.00 horas) unha placa na rúa A Marina, no mesmo lugar no que no seu día estivo a casa na que se aloxou a poeta. No acto participarán cativos dos centros educativos da vila, que lerán versos da homenaxeada. A continuación, no salón de actos do Voluntariado, Manuel Vilar, patrón da Fundación López Abente, e Anxo Angueira, presidente da entidade de Rosalía de Castro, ofrecerán sendas conferencias sobre a figura da autora.

Na homenaxe participarán tamén, entre outros, o presidente da entidade muxiana, Félix Porto, e o vicepresidente e escritor Xosé Henrique Rivadulla Corcón.