«Plasmei na miña obra a relación entre os homes o e mar»

Viki Rivadulla inaugura este xoves unha nova exposición no Pazo de Carballo


Nunca deixou de lado a súa vocación e produción artística, pero recoñece que a falta de tempo é a responsable de que leve máis de «seis ou sete anos» sen facer unha exposición en solitario. Pero este xoves, por fin, inaugurarase no Pazo da Cultura de Carballo a mostra O meu mar, da artista muxiana Viki Rivadulla Conde (1964), que deleitará ao público coa súa particular visión do océano, plasmada en algo máis de 30 esculturas e pinturas. Obras nas que non falta o aceno ao poeta Gonzalo López Abente -Viki e patroa da súa fundación-, xa que un dos seus poemas dá nome á exposición.

-¿Como é esta nova exposición?

-A exposición inclúe parte da obra que realicei nos tres últimos anos. Tiña moita obra preparada e moito entre o que elixir, así que incluso custoume elixir que traballos incluía.

-Neste caso «O meu mar» inclúe escultura e pintura. ¿Con que se sinte máis cómoda?

-Todo forma parte do mesmo proxecto artístico. Empecei pintando e considérome pintora, pero á escultura tamén chegou pronto á miña vida e gústame moito. Non podo elixir e depende moito do tema, porque ás veces teño a necesidade de plasmalo en pintura e outras apetéceme máis facelo en escultura. Son facetas complementarias da miña personalidade.

-¿Que lle levou a elixir o título da exposición?

-O título collino dun poema de Gonzalo López Abente, porque me gusta moitísimo como fala do mar bravo do inverno que sempre nos acompaña en Muxía e fala tamén del como creador dunha eterna traxedia, que está no fondo da nosa forma de ser. E a exposición vai un pouco diso, na miña obra plasmei a relación entre os homes e o mar. Esa é a miña forma de reivindicar a cultura do mar, que está esmorecendo un pouquiño, cando en realidade é o que lle dá identidade á Costa da Morte. Non se pode entender a Costa da Morte se non se entende a súa relación co mar.

-¿Como é o mar de Viki Rivadulla?

-A súa presenza física é como a conta López Abente, unha mar forte e gris, en continuo movemento e ás veces ameazante. Pero tamén é un mar que nos dá o sustento, nos identifica e nos une. O mar fai irmáns a todos aqueles que viven del, dá igual que sexan de Muxía, de Fisterra ou de Malpica. Pertencemos todos á tribo mariñeira. O meu mar é o da xente traballadora, dos que queren ser libres e queren conservar a súa identidade.

VIKI RIVADULLA CONDE ARTISTA

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos

«Plasmei na miña obra a relación entre os homes o e mar»