Foise o garda da memoria

CARBALLO

20 feb 2021 . Actualizado a las 22:42 h.

As pedras de Soneira perderon a súa alma. Os penedos, as mámoas, os cruceiros, os escudos e os petróglifos quedaron orfos, sen o seu máis leal intérprete. Na mañá gris e orballeira do domingo último, ao tempo que as campás da igrexa de San Vicenzo chamaban á misa, Roberto Mouzo deixou fuxir o seu último alento mentres soñaba quedo cun mundo dourado para o patrimonio histórico da súa bisbarra, a que el levaba debuxada punto por punto no seu maxín, convertido por obra e graza dos anos nun verdadeiro arquivo andante das terras soneirás.

Semellaba un deses vellos frades calados que incesantemente e con teimosía inquebrantable ía recompilando o saber da súa terra, un labor práctico e útil para os tempos futuros. Adoitaba facelo fóra dos púlpitos, dos que fuxía dunha maneira case enfermiza. É tanta a importancia do seu traballo como a súa modestia. Un aplicado sacerdote que converteu en modo de vida a súa fe na recuperación e valoración de todo o patrimonio histórico, artístico e etnográfico, ao que consagrou en silencio a meirande parte da súa vida sen pedir nunca nada a cambio, nin recoñecemento nin recompensas, como se non quixese molestar.

Mágoa que o seu irmán Antón, lamentablemente tamén prematuramente falecido, non puidera terlle feito outras botas de buxo para que puidese seguir pateando montes, fragas e vellas corredoiras na procura de medoñas, dolmens, castros ou calquera vello sinal da creación e os misterios dos tempos xa idos.

Roberto Mouzo era un deses personaxes imprescindibles en todo pobo con vida. Un verdadeiro garda da memoria colectiva, que ía recadando con esmero os secretos da comunidade para que o tempo non a vaia esvaecendo e a faga perder para sempre. O arca de Roberto é coma un tesouro para o futuro, que se ben non paga as bágoas da súa nai é o óbolo perfecto que permitirá manter a súa memoria a este lado do río do esquecemento.