Chove sobre mollado

Óscar de Souto

CARBALLO

25 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Chove en toda Galicia e... ¡Vaia se chove !

Sobre todo choven bágoas de tristura no eido da cultura, en especial polo inesperado peche do Museo da Pesca, en Fisterra, emprazado no magnífico castelo de San Carlos, que foi outrora fortaleza defensiva contra barcos inimigos, aínda que hoxe os inimigos parece que son certos individuos que, como diría a mesmísima Rosalía, afirman ser galegos e ademais visten luxosos traxes, algún incluso se atreve a pronunciar un solemne discurso coa fotografía de Rosalía de Castro presenciando tal grotesca escena de falaz embuste.

Como ben mencionaba o poeta galego Fernández Naval (Chisco), este rexio castelo reconvertido a museo tiña «unha maneira de explicar o ADN da xente de Fisterra, porque nel latexaba o corazón dos galegos e da Costa da Morte». Ademais era un importante reclamo turístico, unha parada obrigada, «porque era un dos grandes atractivos que tiña Fisterra e permitía coñecer o traballo das xentes do mar», como moi ben expresou o escritor Luis Rei Núñez.

Manuel Vilar, directivo de Semescom, cree que «non se trata dunha cuestión de diñeiro, porque se invisten moitos cartos noutras moitas chorradas», e na mesma liña Manuel Suárez, autor vimiancés nomea «desastre xeneralizado» a xestión actual dos bens culturais galegos coa crise económica como desculpa de fondo. Mentres tanto, os bergantiñáns enterámonos polos medios de sobresoldos en sobres B, caso Gürtel, caso Campeón, caso Mengano, caso Fulano..., indultos fiscais, e todo tipo de novas que nos levan a intuír que isto só é o curuto dun xigantesco iceberg de corrupción normalizada e xeneralizada, a ninguén lle sorprende en absoluto, abofé.

Non pretendo defender a quen non quere defenderse, porque nestas latitudes só se escoitan as protestas dos estafados coas preferentes, porque aquí, na Costa dos rumorosos, só se queixan cando o dano é directo o peto de cada un e nada, ou case nada, se fai por protexer os bens comúns, os verdadeiros tesouros de noso.

«Ler é cousa dos que non traballan ou non queren traballar. Aquí só temos tempo a traballar e nada máis». Así me sentenciou unha veciña hai uns meses. Así mesmo, e quedou tan pancha. Seguramente porque os seus fillos traballan, polo momento, porque non foi afectada polas preferentes e porque igual pensa que ler causa cegueira permanente ou que se trata de algo contaxioso, ¡así nos vai!

Ante todo si debo, quero e podo, polo momento, gabar abertamente todas as manifestacións da verdadeira xente da Cultura en Galicia, indignados e profundamente decepcionados polo terrible erro de pechar o noso Museo da Pesca no corazón do fin da Terra, último testemuño mudo da idiosincrasia diferencial e da Cultura que un día pensamos que tiñamos e non soubemos protexer dos acéfalos que mal-dirixen este Pobo con alma de País.

A Costa seguirá sendo Costa da Morte e non da vida se non temos traballo para a escasa xente moza e mentres os factótum, ocupados coas súas tristes, vidas sigan durmindo no seu longo sono, en silencio perpetuo, que entrementres nós, os escritores galegos de ben, seguiremos coas nosas testanas vaguidades froito da folga e do ocio e, coma sempre, escribiremos verdades para loitar contra as inxustizas que nos sobran entre as letras.