«O nome das pedras achégannos a unha historia non escrita»

O filólogo Vicente Feijoo participará mañá en Pasarela na presentación da «Guía dos Penedos»

carballo"> á. p. carballo la voz< span>

Ao abeiro do traballo de recuperación da toponimia ao que leva dedicados xa dez anos, o filólogo Vicente Feijoo Ares (Riós, 1975) comezou a desenvolver tamén unha investigación sobre litonimia -a orixe dos nomes das pedras- coa que espera dar forma a súa tese doutoral. Mañá compartirá parte deste saber ancestral en risco de caer no esquecemento cos asistentes á presentación da Guía dos Penedos de Traba e Pasarela, editada polo Semescom. Xunto a el, na Escola de Pasarela (20.30 horas) estarán os autores da publicación: Juan Ramón Vidal Romaní, Roberto Mouzo e Xosé María Lema Suárez.

-¿De onde lle vén ese interese polas pedras de Galicia?

-Como no proxecto de toponimia de Galicia recollemos todo o que teña nome, xa sexan leiras, fontes ou pedras, pouco a pouco comecei a interesarme polos nomes curiosos que tiñan as pedras. Eu teño descuberto ata 24 motivacións distintas para nomealas. E vin que forma parte, ao igual que a toponimia, dun patrimonio cultural que esmorece. A meirande das pedras están nas serras e quen coñece os seus nomes son os pastores, pero como esa actividade está desaparecendo tamén se perden os nomes. E o mesmo pasa coas pedras do mar; os vellos mariñeiros ven substituído o seu coñecemento sobre onde había unha pedra onde había sargos ou robalizas polos modernos GPS e entón xa non é necesario saber eses nomes.

-¿Por que é tan frecuente este fenómeno en Galicia?

-En Galicia, a idolatría e o culto ás pedras é unha característica da nosa identidade como pobo. Sempre se dixo que Galicia é un país de pedras máxicas e por dicilo dun xeito poético, nos nosos penedos vive o misterio. Para os galegos as pedras desde antigo teñen algo máis que o elemento pétreo da natureza. Os nomes das pedras achégannos unha información local sobre unha realidade que non está escrita nin documentada. Na meirande parte dos casos é unha realidade que só está pronunciada polos nosos maiores.

-Hai casos tamén de cultos ás pedras que se cristianizaron

-Efectivamente. A meirande parte dos cultos pagáns que existían foron cristianizados. Desde a Idade Media a Igrexa loitou para a erradicación de todos eles e como non puido con excomunións nin con nada aplicou aquilo de se non podes co teu inimigo únete a el, así que o que fixeron foi cristianizalos. Na comarca hai un bo exemplo que é o das pedras da Virxe da Barca, de Muxía, ou o da Pedra da Serpe, de Gondomil, Ponteceso, na que lle chantaron un cruceiro enriba para converter nunha lenda cristiá do Santo Adriá un culto herdado dos celtas. E como eses casos, centos por toda Galicia.

-¿Estarán moi presentes as pedras da comarca na intervención de mañá?

-Por suposto, desde as máis coñecidas como as pedras da Abalar e do Cadrís, en Muxía, a da Serpe, en Gondomil, a Laxe dos Namorados, en Laxe, a Cama de San Guillerme, en Fisterra; a Pedra do Frade, en Berdoias... ou dolméns e pedras que fan referencia aos mouros, como ocorre tamén nos Penedos de Pasarela.

-¿Cando verá á luz todo isto nunha publicación?

-É unha boa pregunta, porque máis que un traballo, é algo que fago nos ratos libres e ao que xa lle teño dedicado bastante tempo. A día de hoxe teño máis de 5.000 nomes de pedras rexistrados así que vai ser un traballo amplo. Non podería concretar cando se publicará, pero espero que algún día se poda facer.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

«O nome das pedras achégannos a unha historia non escrita»