A Fundación Abente lembrará o paso de Rosalía por Muxía cunha placa e diversos actos

carballo / la voz < / span>

CARBALLO

22 ene 2013 . Actualizado a las 12:45 h.

Os responsables da Fundación Gonzalo López Abente aprobaron nunha xuntanza celebrada o sábado pasado o plan de actuación para este ano, no que ademais das actuacións que xirarán en torno á figura do creador que dá nome á entidade haberá tempo para homenaxear a outros autores. Así, a primeira cita terá por protagonista a Rosalía de Castro e por obxecto, lembrar o paso da escritora por Muxía.

O 2 de marzo será inaugurada unha placa no lugar onde estaba a casa na que Rosalía se aloxou, xunto a unha irmá de Eduardo Pondal, durante a Romaría da Barca do ano 1853. A xornada completarase cunha lectura de poemas por parte de escolares muxiáns e cunha conferencia na que Manuel Vilar falará da relación da autora de Follas Novas coa localidade. Tamén participará Anxo Angueira.

Aniversario e publicacións

Xa en xullo, o día 20, a fundación conmemorará o cincuentenario da morte de López Abente con conferencias e actuacións musicais, ademais de coa presentación do volume Obra poética Completa, no que o escritor Miro Villar recompila a produción literaria do autor muxián.

Ademais, entre as iniciativas previstas para este ano figuran a publicación dunha unidade didáctica centrada en López Abente, na que xa traballa Xan Fernández Carrera e que será distribuída nos centros escolares, e outro proxecto co que X. H. Rivadulla Corcón tratará tamén de achegar aos máis pequenos a súa obra.