Lonely Planet recomenda O Ézaro e máis Fisterra

CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Cascada de O Ézaro, iluminada
Cascada de O Ézaro, iluminada MARCOS RODRIGUEZ

A célebre guía internacional de viaxes inclúe a Costa da Morte no seu último traballo sobre Galicia

05 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A célebre guía Lonely Planet, seguida por millóns de viaxeiros en todo o mundo, publicou onte no seu Twitter un enlace a unha reportaxe sobre a «guía final» de Galicia. Algo habitual nesta e noutras publicacións, que se repite en outros momentos do día, aínda que hai que ter en conta o pequeno detalle de que a rede social da empresa ten preto dun millón de seguidores, audiencia potencial instantánea para ler as súas recomendacións, ás que hai que sumar as da propia web, que son multitudinarias. A boa noticia para a bisbarra é que a Costa da Morte sae ben parada nesta reportaxe, cunha cita específica e outra a Fisterra. E unha das escasas fotos que aparecen no traballo é a da cascada do Ézaro, iluminada pola noite, que liga a Fisterra e cita aspectos habituais, como a de ser a única de Europa que desemboca no mar.

En realidade, a información achégase a lugares comúns: Fisterra chámase así porque o bautizaron os romanos ao pensar que, en efecto, era o último lugar do mundo. Engade Lonely Planet (en inglés) que o sito está fóra das estradas principais, pero que os que se aventuren a chegar ata a zona serán recompensados con «impresionantes sendeiros para excursionistas» sobre o océano Atlántico, ademais da citada cascada do Ézaro.

Un feito a pasar por alto é que queda encadrada nas Rías Baixas, ao igual que a Costa da Morte no seu conxunto aparece no epígrafe das Altas. Sobre a comarca en si, a cita que figura ten que ver coa orixe do seu nome, dende os afundimentos históricos ata outra catástrofes recentes, como a do Prestige.

Nunha guía anterior, de principios da década pasada e tamén en versión web, Lonely Planet describía a Costa da Morte dunha maneira mítica, case épica, de grandes cantís, pobos remotos de pescadores e crenzas en bruxas.