O Nadal carballés comezou con un espectáculo máxico

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

El grupo Arume de Berdillo realizó una actuación espectacular y muy aplaudida
El grupo Arume de Berdillo realizó una actuación espectacular y muy aplaudida ANA GARCIA

En Vimianzo xuntáronse ducias de pandereiteiras na Casa da Cultura

24 dic 2012 . Actualizado a las 14:01 h.

Non é habitual atopar nunha igrexa un espectáculo de maxia. E menos a un personaxe malvado coma o señor Scrooge, de Conto de Nadal, do escritor británico Charles Dickens. Porén, onte o templo de San Xoán Baustista de Carballo deulle a benvida ao Nadal dese xeito grazas ao diácono Andros Iglesias, un namorado da relixión e da maxia case a partes iguais. As duascentas persoas que ateigaban o templo gozaron, sen deixar de prestar atención, de dez minutos de audiovisual no que se mesturaban música, imaxes, luces, humor e trucos de maxia, e no que, por momentos, semellaba un predicador estadounidense.

As mensaxes de Andros Iglesias, mentres sorprendía con panos, cordas e lume, eran de optimismo: «Non hai que perder a esperanza», e centrarse nas «cousas que realmente importan». Nesta listaxe non entran os cartos, dos que dixo que «non o son todo, acábanse», por iso chamou a vivir o Nadal de «xeito distinto, no só como época de vacacións» e non centrarse soamente «no material».

Onte tamén foi xornada de actividades do nadal en Vimianzo. A Casa da Cultura soneirana acolleu pola tarde a ducias de pandereiteiras de todas as idades da Escola de Música, que interpretaron diferentes cantos desta época do ano.

Citas para Noiteboa e Nadal

O espectáculo de maxia onte na igrexa de Carballo foi o disparo de saída ao Nadal da parroquia de San Xoán Bautista. Hoxe (20.00 horas) inaugúrase o belén e celébrase a Misa do Galo. A continuación farase a cea de Noiteboa en familia no centro social con aqueles que estean sós nun día coma hoxe e con todos os que se queiran sumar.

Mañá será a quenda da representación do nacemento vivinte en Razo (09.45), con reparto de agasallos incluído; do clásico belén de Sísamo (10.45), con recital de panxoliñas e que se repetirá o día de Reis; Cances, organizado pola asociación San Campio (12.00), e San Xoán (12.30), que tamén se poderá ver o de novo o 6 de xaneiro.

Hoxe en Vimianzo

Na capital soneirana haberá hoxe animación polas rúas da vila coa presenza de Papá Noel.