«O vento, especialmente na Costa da Morte, nunca falla»

á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

EDP Renovable, que ten de delegado en Galicia a José Toja Parajó, patrocina o concurso de contos de Nadal de La Voz de Galicia

12 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Festas, rapaces e enerxías limpas daranse cita estes días na Costa da Morte a través do concurso escolar de contos de Nadal organizado por La Voz de Galicia e patrocinado pola empresa EDP Renovables, da que é delegado en Galicia é o ex alcalde da capital do Xallas José Toja Parajó (Santa Comba, 1953).

-¿Como xurde que unha empresa de enerxías renovables patrocine un certame de contos?

-Nós temos unha presenza forte na Costa da Morte. Estamos en Dumbría, Ponteceso, en Zas e Santa Comba... xa temos colaborado cos concellos e co mundo empresarial e estamos interesados no que é a divulgación da empresa. Un dos mellores xeitos de facelo é a través da cultura, o medio ambiente e os nenos.

-¿Este tipo de colaboracións terán continuidade no futuro?

-A pesar dos momentos críticos que estamos a vivir, a empresa está decidida a facelo. Incluso falamos da posibilidade de establecer becas escolares.

-Aínda con esa presenza na zona, ¿a empresa é coñecida?

-Non, non é moi coñecida a pesar de ser a terceira empresa eólica do mundo, pero niso andamos, en dar a coñecer que xa estamos instalados en Galicia dun xeito importante, con máis de 200 megavatios en produción. O que máis nos interesa é que se coñeza e que os rapaces saiban o que é o medio ambiente, porque eles son o futuro.

-O sector eólico tampouco se librou da crise.

-Obviamente, porque por un lado recortaron as primas ao sector, e por outro, aumentaron os impostos, como pasa aquí en Galicia co canon eólico.

-¿Hai marxe para crecer?

-En Galicia a eficiencia enerxética é tremenda así que se hai algún lugar de España no que se poden facer máis parques é aquí. Non temos pozos de petróleo, temos vento e auga, que producen unha enerxía limpa que deberiamos potenciar.

-Algunha xente non percibe iso e mesmo se queixa de que os parques non repercuten nunha mellora do subministro eléctrico.

-É que unha cousa é a produción e outra a comercializacións. Tamén hai casos nos que a xente se mobiliza por cuestións políticas, descoñecemento ou porque non lle toca ningún aeroxerador na súa finca. Pero é certo que si hai zonas que teñen mal subministro.

-Hai uns días, un enxeñeiro de Baio que acaba de doutorarse cunha tese sobre parques eólicos avogaba por mellorar os que xa hai antes de construír máis.

-Iso é obvio. Nós temos parques como o de Zas-Santa Comba no que tería que haber renovación, pero para iso deberían deixarnos poñer máis megavatios e aí xurde tamén o problema da evacuación da enerxía.

-¿Chegarán a ser maioritarias estas enerxías?

-Para iso fai falta que a xente se conciencie. Porque agora hai protestas contra os parques eólicos, contras as centrais nucleares, contra as hidroeléctricas... E o que hai que ver é cal é a enerxía máis económica, limpa e con menos impacto, e eu creo que é a eólica, e se a axudan será a enerxía do futuro.

-Pero ten o problema da dependencia dun factor cambiante como é o vento.

-Os que temos unha idade sabemos que o vento en Galicia, e especialmente na Costa da Morte, nunca falla. E aínda que hai uns anos máis produtivos que outros, ás veces hai que parar as máquinas por exceso de produción.

josé toja parajó delegado en galicia de edp renovables