Un neno do colexio de Vilarmide, gañador do certame Contos de Nadal

m. p. valle CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Víctor Castiñeira e José Ramón Rey, do Concello de Cee, formaron parte do xurado.
Víctor Castiñeira e José Ramón Rey, do Concello de Cee, formaron parte do xurado. marcos rodríguez< / span>

O xurado elixiu a historia de «Rafael e a loita polo Nadal», de Alejandro Leis Trillo, de oito anos

09 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

«Era unha vez un fermoso pobo no norte de Europa. Para celebrar o Nadal tiñan por costume cortar as árbores para decorar as casas». Así comeza Rafael e a loita polo Nadal, a historia coa que Alejandro Leis Trillo, un rapaz de oito anos que estuda cuarto de primaria do colexio muxián de Vilarmide, vén de gañar a novena edición do certame Contos de Nadal, convocado por La Voz de Galicia, en colaboración con Radio Voz, dentro dos actos de conmemoración dos 25 anos de presenza do xornal na Costa da Morte.

O xurado, composto polo técnico de Cultura do Concello de Cee, Víctor Castiñeira Castro; polo responsable da biblioteca ceense Don Francisco Mayán, José Ramón Rey Senra, e os periodistas de La Voz Xosé Ameixeiras, Patricia Blanco e Marta Valiña, elixiu o conto de Alejandro Leis case por unanimidade entre os case 200 que presentaron os rapaces de dez centros escolares de toda a Costa da Morte. Destacaron a orixinalidade da historia, o seu espírito ecolóxico e pacifista e a súa calidade literaria, xa que a pesar da súa idade o neno de Vilarmide é quen de utilizar un vocabulario moi rico.

O segundo premio foi para a ceense Antía González Castro, estudante tamén de cuarto de primaria no colexio Eugenio López. A nena acadou a segunda posición coa divertida historia Creación de seres imaxinarios, na que Papá Noel, o coello de Pascua e o ratiño Pérez, entre outros xúntanse para levar a cabo unha misión moi imporante.

O terceiro premio recaeu en María Paz Varela, que estuda cuarto no colexio cabanés de As Revoltas. A súa historia, titulada O Nadal de Amina, ofrece unha fermosa visión sobre a adaptación dos nenos adoptados no estranxeiro.

Os tres gañadores de Contos de Nadal, así como os outros sete rapaces da Costa da Morte cuxas historias tamén foron seleccionadas -outras moitas, de gran calidade, tamén poderían ter sido premiadas-, recollerán os seus premios e diplomas o vindeiro sábado, ás doce do mediodía, no Concello de Cee. Os contos seleccionados serán, ademais, publicados en La Voz nos vindeiros días.