«Carmen Neira Marcos naceu e viviu para a ensinanza»

Marta Valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A entidade cultural da parroquia vimiancesa de Salto homenaxeará este domingo a súa antiga mestra

06 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Os veciños da parroquia vimiancesa de Salto volverán a reunirse este domingo (16.00 horas) para homenaxear á súa antiga mestra Carmen Neira Marcos, falecida en 1986. A entidade cultural que leva o nome da profesora inaugurará unha escultura na praza tamén dedicada á mestra nun sinxelo acto ao que confían que acudan moitos dos seus exalumnos. «Esperamos que veña moita xente, porque ese sería realmente a mellor homenaxe que lle poderiamos facer», indicou a presidenta da asociación, Teresa Ferreira Lavandeira.

-¿Como xurdiu a idea de dedicarlle unha escultura a Carmen Neira Marcos?

-É unha vella idea. De feito ese era un dos nosos primeiros obxectivos cando fundamos a asociación en 1999. Queriamos dinamizar a parroquia, pero tamén facerlle unha homenaxe á nosa mestra. Non obstante, comezamos coas actividades e o tema da escultura fómolo deixando a un lado. Cando volvemos a retomalo, hai tres anos, aconteceu a morte de Teresa Mouzo, que era unha das máximas impulsoras de todo o que faciamos e parouse todo de novo, porque para nós foi moi duro. Hai uns meses retomamos todo de novo porque xa ía sendo hora de facer o que queriamos facer dende o principio.

-¿Haberá máis iniciativas?

-A nosa idea foi sempre que Carmen Neira Marcos non quedase no esquecemento. Por sorte foron moitos os veciños de Salto que a coñeceron e a quixeron. A pena é que case non temos nada dela, nin escritos, nin fotografías... Por iso decidimos recoller testemuñas daqueles que a coñeceron ao longo da súa traxectoria como mestra, entre 1946 e 1978 e tamén despois, cando seguiu vivindo en Salto. Esa será a segunda parte da nosa homenaxe, dar a coñecer esas testemuñas.

-¿Que descubriron con esas entrevistas?

-Tiñamos claro que foi moi querida, pero cando falei cos que foron os seus primeiros alumnos emocionábanse tanto que a min facíanme chorar. Tiña unha dedicación tremenda para os seus rapaces. Neira Marcos naceu e viviu para a ensinanza. Era moi recta e moi estrita, pero ao mesmo tempo quería moito aos seus nenos e aos veciños, aos que sempre aconsellaba. Cando chegou a Salto había moita xente que non sabía ler nin escribir e ela puxo en marcha clases nocturnas para os maiores. As súas ensinanzas ían moito máis aló da escola e dedicoulle a vida á parroquia. Moitos dos veciños que emigraron cando viñan de visita o primeiro que facían era ir ver a dona Carmen e iso é unha mostra máis do moito que lle querían.

-Ela tamén apreciaba moito á parroquia.

-Claro que si, e a mostra é que cando deixou a docencia quedou a vivir aquí. A pesar de que, como dicían moitos, era «unha señorita de cidade», ela quixo quedar e morrer en Castromil. Por iso pensamos que esta homenaxe é tan necesaria, aínda que ela sempre dicía que as cousas había que facelas en vida.

-¿Como é a escultura que inaugurarán o domingo?

-É unha obra do escultor vimiancés Jesús Fuentes Canosa. Inclúe un busto de Carmen Neira Marcos que nos custou moito decidir como facelo, porque case non tiñamos imaxes da súa última etapa, así que tivemos que facela coas descricións dos veciños. A escultura inclúe tamén unha frase que resume o que sentía a xente por ela. Gustará máis ou menos, pero o importante é que está feito con moito cariño. Por iso esperamos que o domingo veña moita xente, porque penso que ese é a mellor homenaxe que a parroquia de Salto lle podería facer.