Un gran concerto repleto de estreas

marta valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A Banda Municipal de Música iniciou o concerto cun pasodobre dedicado a Xosé Manuel Eirís.
A Banda Municipal de Música iniciou o concerto cun pasodobre dedicado a Xosé Manuel Eirís. ana garcía< / span>

A Banda Municipal interpretou catro novas pezas no recital co que pechou o Novembro con Música carballés

03 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Subiron ao escenario con puntualidade británica e con puntualidade británica ofreceron as primeiras notas dun aplaudido concerto co que a Banda Municipal de Música de Carballo pechou o sábado pola noite o Novembro con Música organizado pola concellería de Cultura. Un recital repleto de estreas, no que os músicos que dirixe José Vicente Pérez Planells demostraron que os ensaios dan bos froitos e que a agrupación carballesa está xa a altura doutras formacións con máis experiencia.

Nun auditorio do Pazo da Cultura cheo de amigos, familiares e amantes da boa música, os algo máis de 30 integrantes da Banda Municipal abriron o concerto cun emotivo pasodobre escrito por Pérez Planells e dedicado a Xosé Manuel Eirís, unha peza á que seguiron varios fragmentos de obras de Puccini interpretadas por primeira vez polo grupo carballés. A terceira composición foi tamén unha novidade. Con Manuel Bello, profesor xubilado de acordeón e piano do Conservatorio de Carballo, como solista, os músicos da Banda ofreceron un magnífico Sous le ciel de París, de Hubert Giraud y Jean Drejac, que rematou cun espontáneo e merecido «¡bravo, Manolo!»

A primeira parte do concerto rematou con outra estrea, varios fragmentos de Os Pássaros do Brasil, de Kees Vlak, no que os músicos da Banda Municipal conseguiron trasladar ao público ao ambiente selvático do Amazonas e ao carnaval de Río.

Tras un breve e merecido descanso a agrupación carballesa subiu de novo ao escenario para ofrecer outra novidade, a estampa galega Banda de Abegondo, composta por Alejandro Montes, profesor titular de gaita no Conservatorio de Carballo. Seguiron despois con dúas pezas moi coñecidas que a banda xa interpretou en varias ocasións, A lenda de Montelongo, de Bernardo Río, e o pasodobre Ponteareas, de Reveriano Soutullo, o final perfecto para un concerto perfecto no que os músicos do conservatorio carballés amosaron un gran nivel.

Non así parte do público, que unha vez máis parece que esqueceu onde estaba e entraba e saía do auditorio sen importarlles que tal vez o ruído que facían podía incomodar aos intérpretes.

Houbo quen tamén esqueceu que o do sábado non era un concerto para o público infantil e levou a uns nenos demasiado pequenos que foron incapaces de permanecer calados e quietos no seus asentos, o que incomodou a aqueles que pretendían gozar do recital. Unha pena, porque para os máis pequenos o Novembro con Música tamén tivo diversas actividades ao longo do pasado mes.