A Fundación Pondal fai extensivo a todo O Couto o Premio da Cultura Galega

á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Os responsables da entidade achacan o recoñecemento da Xunta ao traballo veciñal feito ao abeiro de Monte Branco

21 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O propio conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, foi o encargado de dar a boa nova ao máximo representante da Fundación Eduardo Pondal. O luns pola tarde, só uns minutos despois de finalizar a xuntanza do xurado dos Premios da Cultura Galega, o responsable autonómico chamaba a José Luis Fondo Aguiar -alcalde tamén de Ponteceso- para comunicarlle a concesión á entidade do galardón na categoría das iniciativas en prol do patrimonio cultural. «Pola súa ampla e constante programación participativa arredor das letras galegas, desenvolvida coa implicación de entidades, axentes culturais e veciños da terra natal do escritor que lle dá a nome á fundación», así o establecía o fallo do xurado e así, en esencia, llo transmitiu o conselleiro.

A Fundación Pondal recolle deste xeito o froito dun intenso traballo iniciado xa antes de que a entidade comezase a funcionar como tal. «É un recoñecemento tamén á asociación Monte Branco e aos veciños de O Couto polo traballo que levan facendo desde hai anos», explicou onte Fondo tras mostrar a súa gran «satisfacción» por ter logrado un galardón que, segundo apuntou, «vai ser un acicate importante para seguir na mesma liña de cara ao futuro».

Un dos responsables desta aventura cultural, Xosé María Varela, membro do padroado da Fundación Pondal, abundou nesa idea. «É un premio a máis de 30 anos de traballo na aldea de O Couto. É un triunfo de moitos colectivos, Monte Branco, Inllar, os rapaces de Valares... dos que a fundación pode ser a punta de lanza».

Varela sinalou tamén que este é o recoñecemento máis importante que podían recibir e sinalou que espera que abra a porta a un maior recoñecemento ao traballo asociativo e veciñal por parte da Administración. Neste senso, lembrou que o percorrido da asociación Monte Branco, xermolo da Fundación Pondal, non foi doado. «No ano 1995, no que editamos cinco libros, a Secretaría Xeral de Política Lingüística díxonos que o que faciamos non era promoción da literatura galega e deixounos sen axudas, o que nos obrigou a andar de festa en festa cunha taberna para conseguir cartos e pagar as débedas». Co premio ve recompensadas esas e outras etapas difíciles: «É algo que te pon a pel de galiña porque non é doado que a un lugar tan pequeno se lle recoñeza o traballo cun premio coma este».

O xurado

Entre os membros do xurado que concedeu o Premio da Cultura Galega á Fundación Eduardo Pondal figuran destacados representantes do mundo académico e cultural, coma o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín; Juan Casares Long, reitor da Universidade de Santiago, e Francisco Díaz Fierros, do Consello da Cultura Galega, pero o galardón non sería posible sen que alguén o tivera proposto. Así, o primeiro responsable da concesión deste premio foi un vello amigo da Fundación Pondal, o escritor dezán Xosé Neira Vilas, que foi quen desde a súa propia entidade fixo a proposta. A Fundación pontecesá xa estivera entre as candidatas a recibir o galardón hai uns anos, pero non foi ata esta edición cando veu recompensando o seu traballo. A entrega dos premios farase, probablemente, no transcurso do próximo mes.