«Os voluntarios son os únicos aos que lles debemos algo»

Cristina Abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XESUS BUA

Reclama un protocolo de actuación para sinistros como o do petroleiro

11 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Javier Sar Romero leva 29 dos seus 44 anos andando ao mar. Foi o patrón maior máis novo de España, xa que cando tomou posesión na confraría de Muxía só tiña 27 anos, e tocoulle vivir de cheo a traxedia do Prestige. Dez anos despois, de todo o arquivo mental que atesoura e que daría, asegura, para varios libros, quédase coa marea de solidariedade que gañou a loita contra o chapapote e co desexo de que a mala xestión daquela catástrofe non se repita nunca máis.

-¿Que é o que máis recorda daqueles días de novembro?

-O pesadelo daqueles días, diría eu, a incerteza do que podía pasar, porque en realidade non se sabía ben o que había que facer. Pero, a partir de aí, máis que nada quedan os sentimentos vinculados aos centos e centos de voluntarios que había todos os días, e de facer o que fixemos: axudar á xente que viña, que creo que é a única á que lle debemos algo.

-¿Lembra que estaba facendo cando o Prestige empezou a achegarse á costa de Muxía?

-Acórdome perfectamente dende o primeiro día, porque, ademais, pasounos unha anécdota curiosa. Nós entramos o día anterior con bastante mal tempo, o que se lle chama de arribada, e fun coa tripulación tomar algo a un bar e escoitamos a noticia de que había un barco con problemas no corredor de tráfico, a 27 millas. Iso foi sobre as sete da tarde do día antes de termos o barco aquí encima, e nós saímos para o mar ás catro da mañá, en principio sen ningún problema, ata que ás sete e pico da mañá o patrón de costa, que estaba de garda, chamoume porque había un olor fortísimo a gasóleo e non sabía de que era. Nós estábamos traballando a unhas dez millas de Touriñán, e nun principio pensei que tiñamos algunha fuga, porque había unha peste enorme. Non sabíamos que podía ser ata que vimos uns ecos no radar, como a unhas seis millas, de catro ou cinco barcos, e caín na conta de que podía ser o famoso petroleiro. E, efectivamente. E non é de estrañar, porque coa corrente que hai un barco deses perfectamente pode derivar tres ou catro millas á hora, e se estaba a 27 millas... Pola mañá, xusto cando amenceu o día, nós quixemos virar e recoller o aparello, pero non puidemos porque estabamos atravesando unha mancha de combustible espesísima, duns vinte ou trinta centímetros; o barco apenas a cortaba e levounos unha hora atravesala.