O músico Xabier Díaz amosará en Carballo o poder emocional das nanas en galego

carballo / la voz

CARBALLO

06 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Aos nenos non só hai que falarlles, senón tamén cantarlles. Achegarse a eles a través da música e das nanas, dos arrolos, con gran beneficio emocional para os máis pequenos. Comprobárono os pais que o ano pasado asistiron ao obradoiro de nanas que impartiu en Carballo a cantante Ugia Pedreira. Un taller organizado polo Servizo de Normalización Lingüística que este ano regresará ao Pazo da Cultura carballés da man do músico bergantiñán Xabier Díaz, un dos integrantes de Berrogüetto. El será o profesor do obradoiro de nanas para nais e pais (presentes ou futuros, así como para todos aqueles que queiran aprender ou practicar) que terá lugar a finais deste mes. Será os días 21 e 28, de 17.00 a 19.00 horas en ambos casos.

Durante as dúas sesións, ás que tamén poden asistir os bebés, os participantes aprenderán a cantarlle aos pequenos temas populares e outros máis novos. Como os que Xabier Díaz incluíu o ano pasado no disco Arrolos de salitre, un álbum que contén once cantos de berce en galego e que foi presentado, con grande éxito, na Praza dos Libros de Carballo, que se celebrou o pasado mes de agosto. No disco tomou parte o músico Guillerme Fernández, que tamén participará no obradoiro carballés, organizado de novo polo Servizo de Normalización Lingüística.

Todos aqueles que queiran asistir ao taller deberán apuntarse no Pazo da Cultura o uno teléfono 981 704 304, en días laborais en horario de mañá. O curso é gratuíto e o número máximo de participantes será de 25 persoas.