Méndez Ferrín aproveitou a súa visita para coñecer a casa natal do Bardo

La Voz

CARBALLO

31 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Pese a ter estado xa en anteriores ocasións en Ponteceso para participar nas actividades da Fundación e da Asociación Monte Branco, Xosé Luís Méndez Ferrín tiña pendente de ver cumprido o vello desexo de coñecer a casa natal de Eduardo Pondal.

Onte, finalmente, o presidente da Real Academia Galega puido satisfacer esa curiosidade grazas ás xestións realizadas polos responsables da Fundación Pondal con Jaime Valdés, descendente do Bardo e actual propietario da vivenda, situada ao carón do Anllóns. Luís Giadás, patrón da entidade, acompañouno nun percorrido por algúns dos espazos familiares que inspiraron ao autor da letra do Himno galego e nos que escribiu algunhas das súas obras.

Análise do Himno galego

Ferrín decidiu, ademais, aproveitar a orixe pontecesá de Pondal para centrar o seu encontro cun grupo de rapaces do instituto da localidade nos versos de Os Pinos.

Rememorando a súa etapa de mestre non dubidou en botar man da pizarra para analizar con eles cada estrofa á procura do seu significado máis profundo. Xa máis tarde, ante os participantes nas actividades principais do Simposio, o académico falou da poesía galega en xeral, pero prestando especial atención aos autores medievais e a creadores coma o Padre Sarmiento.

O que non puido facer o presidente da RAG foi subir ao Monte Branco a gozar dunhas vistas polas que, segundo contou, sente predilección.