«O humor de Fernán Gómez ten moito que ver coa nosa retranca»

M. v. / Á. P. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Pablo Santa Cruz

A compañía ourensá Sarabela, que dirixe Ánxeles Cuña, trae ao FIOT a súa versión de «Viaxe a ningunha parte»

27 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A compañía ourensá Sarabela Teatro toma esta noite o auditorio do Pazo da Cultura carballés (21.00 horas, 6 euros) para representar Viaxe a ningunha parte. Ánxeles Cuña (Pontevedra, 1957) está á fronte do reparto coral da adaptación desta coñecida obra de Fernando Fernán Gómez ambientada na posguerra e que ten a un grupo de cómicos como protagonistas.

-¿A válvula de escape dos cidadáns é a cultura?

-A cultura é unha necesidade. Como cidadáns individuais necesitamos soñar para vivir e como sociedade necesitamos da cultura tamén para nutrirnos. Todas as formas culturais fan que un país teña identidade e iso para min é esencial.

-Na posguerra o cine ameazaba ao teatro; agora é Internet a que o fai co cine. ¿Hai espazo para todas as artes?

-Si. De feito o que está é reducíndose o número de funcións, non o de espectadores. O cine, no tempo da obra, e a radio podían ser inimigos entre comas do teatro, pero hoxe apértanse e as circunstancias son distintas. Internet ten unha linguaxe propia e collemos todos porque son expresións distintas. O teatro, a diferenza doutros medios, ten de único é que irrepetible, que o espectador asiste por primeira e única vez á función porque nunca hai dúas iguais, e ve en vivo transpirar aos actores, algo que neste caso está garantido xa que hai oito actores admirables que non van defraudar a ninguén.

-¿Ser pedagoga axuda a domar a oito actores?

-Eu non teño que domalos [ri]. Eu digo que son unha xigante pero non porque o sexa eu, miro lonxe porque vou a ombreiros de xigantes e a relación cos actores é bidireccional, eles son tamén creadores. Non é necesaria a doma, é necesario saber que todos imos na mesma barca, temos distintas funcións, pero remamos na mesma dirección. Se non sería imposible.

-¿Por que se decidiron por esta obra?

-Sen a experiencia previa de ter feito outras dramaturxias de obras narrativas sería impensable, porque a Viaxe a ningunha parte é unha obra monumental. Como di Lino Braxe estamos en primeiro de Fernando Fernán Gómez; é un autor tan prolífico, tan versátil, tan sensible, tan crítico, tan absolutamente entrañable que realmente están os tempos para facer obras que falen dos cómicos coma homenaxe a el e ao propio oficio. O riso, o pranto, a tenrura, a dor, todos eses sentimentos que se enfían na obra foi o que nos levou a poñela en escena. E tiñamos a bagaxe e a experiencia de enfrontarnos a este reto, que é de alto risco porque está no imaxinario de moita xente.

-¿Como funcionan en Galicia o carácter e o humor tan casteláns de Fernán Gómez?

-O humor de Fernán Gómez ten moito que ver coa nosa retranca, non é tan castelán. É un gran creador e traspasa fronteiras. O seu humor funciona perfectamente e o que el ubica en Castela pode acontecer perfectamente en calquera pobo de Galiza ou mesmo doutro país.

-¿Como ve o futuro de festivais como o FIOT?

-A ameaza está aí. Sabemos desde hai un par de semanas que no Ministerio de Cultura hai un recorte do 70 % en teatro. A supervivencia é dificilísima e hai que seguir buscando alternativas, pero realmente quen fan os festivais son os espectadores. Se hai apoio decidido, e polo que eu sei o FIOT de Carballo está moi fidelizado e énchense os espazos, o festival continuará.