«Acoller a un neno dá moitas satisfaccións»

Marta Valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A entidade celebrará mañá unha cea en Malpica para recadar fondos

26 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai cousa de doce anos, xusto despois de ver unha reportaxe na televisión, a malpicana Eva Lema Rodríguez decidiu abrir o seu fogar aos nenos que o necesitasen. Informouse e acabou unida á entidade Solidaridade Galega co Pobo Saharaui, da que hoxe é delegada na Costa da Morte. Todos os veráns dende hai doce anos un pequeno (ou pequena) saharaui viaxa a Galicia para pasar o verán con Eva, unha experiencia, di, con moitos pros. Por iso anima aos veciños da comarca a facer o mesmo que ela e que outras 20 familias da Costa da Morte, que mañá se reunirán no restaurante Aldeola para celebrar unha cea. O obxectivo: recadar cartos para poder pagar os billetes dos rapaces que veñen cada verán. Aqueles que queiran participar e colaborar aínda poden anotarse chamando ao 687 195 639.

-¿Canta xente pode asistir á cea?

-Pode vir quen queira e canta máis mellor, porque necesitamos moita axuda para poder axudar aos nenos saharauis. De momento xa hai apuntadas 300 persoas.

-Moitas para os tempos que corren.

-A verdade é que estamos moi contentos e impresionados coa resposta, porque aínda a pesar da crise a xente está sendo moi solidaria. Necesitamos moito a súa axuda porque o billete de avión de cada neno custa 920 euros e moitas familias acolledoras non poden facer fronte a ese gasto e ao mesmo tempo manter ao neno cando está aquí.

-¿Tamén no mantemento de nenos?

-Iso custa máis e, de feito, gustaríanos que houbera máis familias acolledoras das que hai na actualidade.

-Quizais hai quen non se anima porque require tempo e esforzo.

-¿Tempo? É só cuestión de organizarse, igual que cando decides ter un fillo e por pouco tempo que teñas todo o que lle deas a eses nenos para eles xa é moito. ¿Esforzo? En absoluto, é unha experiencia enriquecedora, na que os nenos dan moito máis ás familias do que nós lle damos a eles. Ter aos nenos saharauis na casa é inesquecible.

-¿Non da pena cando marchan?

-Daría pena se eles marchasen tristes, se non quixeran regresar ao seu fogar, porque iso diría que alí están mal. Pero eles marchan contentos, desexando ver de novo aos seus e felices de ter pasado aquí as vacacións. Cando marchan seguimos en contacto, así que non dá pena.

eva lema rodríguez delegada de solidariedade galega co pobo saharaui