«Este é o personaxe que máis traballei en toda a miña vida»

CARBALLO

Cedida

Teatro do Morcego chega hoxe ao FIOT de Carballo cun «denso» espectáculo

20 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) encara a segunda función desta semana. Unha das grandes compañías galegas, Teatro do Morcego, será a encargada de engaiolar hoxe aos espectadores con A función do tequila (21.00 horas, Pazo da Cultura, entradas esgotadas). Farao na fin de semana central do festival e collendo o relevo de Animalario Teatro, que onte conseguiu ateigar de xente o auditorio do Pazo de Cultura co seu espectáculo El montaplatos. A obra desta noite está baseada na historia da coruñesa María Docampo, espía da CIA e ao mesmo tempo secretaria de Castelao en Nova York, quen acabará sendo asasinada, xa de regreso a Galicia, polo home co que casara, Jalisco, tamén confidente do servizo de intelixencia americano. A este último dálle vida sobre o escenario o coñecido Manuel Manquiña.

-A obra vén sendo unha especie de Hitchcock, pero á galega.

-[Ri]. ¿Parece, verdade que si? Pero o caso é que a obra está sostida sobre feitos reais, aínda que algo adornada con fantasía por parte do autor, Manuel Guede, para poder darlle un contido dramático e reducilo no tempo. Cando actuamos en Mera, pasei incluso pola casa na que sempre supuxen que se cometeran eses crimes dos que se fala no espectáculo que nós ofrecemos. Dese tal Jalisco nunca máis se soubo, pero esta é a parte que na obra de teatro variamos un pouco.

-¿Quizais o teatro acaba sentenciando a ese asasino que na realidade escapou da xustiza?

-Cando afrontei o papel de Jalisco, pensei que era claramente un psicópata. Antonio Simón, o director da obra, non estaba enteiramente dacordo comigo. Eu logo tiven as miñas dúbidas durante a montaxe, e agora volvo pensar que si ou, alomenos, que se non era un psicópata, si era un tipo que non tiña ningún tipo de control sobre as súas accións, sobre as súas paixóns. Todas as súas saídas de tono son de amor, por chamalo de algún xeito, de posesión, de celos. Actúa sempre levado por situacións que non é quen de controlar. «É que me provocou»: esa é a xustificación que todo o tempo fai Jalisco sobre os seus feitos. Toda a obra trata de explicar os motivos polos que actuou dese modo.

-¿Precisou moito tequila para meterse no papel de Jalisco?

-[Ri]. Non, non. Pero si é unha obra densa, con moito texto no meu caso, que me obrigou a preparar intensamente o personaxe. Foi o que máis traballei na miña vida. Outros personaxes saen case espontaneamente, pero neste caso non. Cada vez que lía o texto, íame namorando máis del, ía procurando darlle verosimilitude, certeza. Trátase dun texto denso, e o espectador ten que ver que o actor cre nel, e que o que está dicindo é dende a verdade. Non pode haber nada de caricatura. Esta é unha obra complicada, que esixe unha tensión constante e un nivel de interpretación mínimo alto, porque senón desmorónase. Hai que tratar de manter todo o tempo a atención do espectador, porque non hai artificios, non hai trucos, non hai escenas, digamos, brillantes, nas que poidas dicir: «Que bonito estivo aquel chimpo!». Non, neste caso a obra é de falar, e iso obriga a ser crible todo o tempo.

manuel manquiña protagonista de «a función do tequila», no papel de jalisco

Intérpretes. Manuel Manquiña, Santiago Fernández, Luisa Merelas e Elina Luaces

Autor. Manuel Guede Oliva

Dirección. Antonio Simón

«O espectador ten que ver que o actor cre no texto que interpreta»