Cee descubriu a Domingo Antonio de Andrade no 41

JOSÉ RAMÓN REY SENRA CEE

CARBALLO

Inauguración dedicada a Domingo Antonio de Andrade en Cee, no mes de agosto de 1990.
Inauguración dedicada a Domingo Antonio de Andrade en Cee, no mes de agosto de 1990. FOTO FUENTES

19 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Con motivo dos 300 anos do pasamento de Domingo Antonio de Andrade, mestre do barroco galego, o vindeiro 12 de novembro, a Concellería de Cultura, Educación e Deportes do Concello de Cee organiza unha serie de actos co obxectivo de conmemorar e divulgar a figura e traballo do artista entre a veciñanza, un programa de actividades eloxiable desde todos os puntos de vista, xa que servirá para lembrar e preservar na memoria a vida e obra dunha das figuras máis relevantes da cultura galega, nado en 1639 na vila de Cee.

Aínda que o primeiro que deixou por escrito que o arquitecto da torre do reloxo da catedral de Santiago nacera en Cee foi o profesor de Historia de Arte da Universidade compostelá Sebastián González García-Pan, nun artigo publicado en 1935 na revista Archivo Español de Arte y Arqueología, e, continuando nesa mesma liña de investigación, atopámonos co Académico de Historia Jesús Carro García.

Será Francisco Mayán Fernández coas súas pescudas, mentres exercía de profesor de Historia no Colexio da Fundación Fernando Blanco de Cee, o que chegaría á conclusión definitiva da orixe ceense de Domingo Antonio de Andrade, despexando calquera dúbida ou vacilación que puidese haber grazas aos achados documentais no arquivo parroquial de Cee.

E así é como dentro da importante e interesante doazón para o estudo da historia local de carácter bibliográfico e documental realizada por Francisco Mayán Fernández á biblioteca pública municipal do Concello de Cee, que leva o seu nome, atopámonos co artigo El arte en Galicia. La Exposición de Compostela (mostra rexional de belas artes e artes decorativas inaugurada o 15 de xullo de 1941 no edificio da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela) publicado o sábado 30 de agosto de 1941 no xornal coruñés El Ideal Gallego, xa que é a primeira vez que o doutor Mayán fai pública as súas investigacións sobre as raíces do autor das escaleiras de caracol de San Domingo de Bonaval.

Nese mesmo ano, publica a obra Los Franceses en Cee, libro onde na páxina 55 (nota 65) transcribe a carta de agradecemento que lle enviou o «sabio investigador santiagués», Jesús Carro García, por facerlle saber que o mestre Andrade fixera un retablo para o altar maior da igrexa parroquial de Cee.

E non deixa de ser casualidade que na sesión ordinaria do 6 de setembro de 1941, o Concello de Cee acordase dar o nome de Praciña de Domingo Antonio de Andrade á que nese momento levaba o nome de Recheo (nome co que o pobo a seguiría chamando).

Dende os setenta

Ata a celebración actual co gallo do 300 aniversario do pasamento de Domingo Antonio de Andrade, outros actos ou manifestacións dignos de salientar para lembrar a figura de tan insigne artista no seu pobo natal, foron os seguintes.

Na segunda metade da década dos 70, a fundación da Asociación cultural Domingo Antonio de Andrade por parte de Antonino Castro García, párroco de Cee (q.e.p.d.), e un grupo de xente nova, agrupación que resultou ser un frutífero motor cultural para Cee á que se lle debe, entre outras, a posta en marcha da Mostra de Teatro.