Os ceenses lembran a Domingo Antonio de Andrade 300 anos despois da súa morte

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Víctor Manuel Castiñeira, Daniel Oca e María Xosé Fandiño, onte pola tarde, ao lado do monolito dedicado a Domingo Antonio de Andrade e instalado a carón da casa consistorial ceense no ano 1990.
Víctor Manuel Castiñeira, Daniel Oca e María Xosé Fandiño, onte pola tarde, ao lado do monolito dedicado a Domingo Antonio de Andrade e instalado a carón da casa consistorial ceense no ano 1990. josé manuel < / span>casal< / span>

O Concello preparou unhas xornadas para divulgar a figura e obra do artista

04 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Cúmprense trescentos anos da morte de Domingo Antonio de Andrade, un ceense universal, e o concello no que el nacera no 1639 non quixo deixar pasar a oportunidade de divulgar a súa figura e obra. Coincidindo co día exacto do seu pasamento, un 12 de novembro -pero tres séculos despois-, comezarán na vila de Cee unhas xornadas que, segundo destacou onte María Xosé Fandiño, edila de Cultura, Educación e Deportes, «pretenden ser unha homenaxe» a ese artista que ten un monólito a carón da casa consistorial e que lle dá nome a unha céntrica praza.

A edila, co apoio de Víctor Castiñeira, técnico de Cultura do Concello e coordinador do programa, deu a coñecer as actividades deste tricentenario. Comezarán cun acto o vindeiro venres, ás 12 horas. Nel tamén estará presente a alcaldesa, Zaira Rodríguez. Un concerto a modo de presentación do novo traballo do gaiteiro Óscar Ibáñez, acompañado por Carlos Calviño á guitarra e Fernando Fraga ao acordeón, daralle o contrapunto a esa sesión formal.

O sabor local será unha das notas características das xornadas sobre a figura de Domingo Antonio de Andrade, posto que todos os convidados a intervir están relacionados coa vila ceense. Abordarán dun xeito multidisciplinar -dende a arquitectura, a arte e a historia- todo o que significou.

Un variado programa

Conferencias, unha exposición e unha viaxe integran o programa. A primeira das intervencións correrá a cargo do propio Víctor Manuel Castiñeira, quen, dende a súa faceta como historiador, ofrecerá Andrade e a vila de Cee no seu contexto histórico (sábado 20 de outubro, ás 19.00 horas, no Concello). «Á marxe das súas obras máis coñecidas, ten moitas outras de tanto mérito máis», sinalou xa onte, a modo de adianto. A segunda das charlas (sábado 27, 19.00 horas) será a de Juan Creus Andrade, arquitecto e profesor: abordará dende esa perspectiva o traballo do ilustre ceense. Por último, o 3 de novembro, Francisco Leis Castro, mestre de xeografía e historia no instituto Joaquín Turina de Madrid, introducirá aos asistentes na influencia de Andrade para o barroco galego.

Ademais do roteiro do 17 de novembro pola cidade de Compostela (para o cal hai que reservar prazas), outro dos puntais da xornadas é a exposición Domingo Antonio de Andrade. De Cee a Compostela. Vida e obra dun xenio. Abrirase o venres 12 no museo da Fundación Fernando Blanco e haberá visitas guiadas para escolares. Incluirá reproducións de documentos históricos presentes no Arquivo Histórico Diocesano e na catedral, material físico para observar, libros publicados e varios paneis explicativos.