Tralos pasos de Domingo Fontán

xosé MARÍA LEMA SUÁREZ PRESIDENTE DO SEMINARIO DE ESTUDOS DA COSTA MORTE

CARBALLO

O matemático e cartógrafo, autor do primeiro mapa moderno de Galicia, percorreu a Terra de Soneira en 1823

29 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O investigador brasileiro Vítor Hugo Brandalise atópase en Galicia iniciando un ambicioso proxecto, El primer rostro de Galicia, para La Voz de Galicia, que consiste en volver a facer a ruta que seguira o ilustre matemático e cartógrafo galego Domingo Fontán (1788-1866) para facer a Carta Geométrica de Galicia, o primeiro mapa moderno de Galicia. Fontán era discípulo do matemático José Rodríguez, do que recibiu, na segunda década do século XIX, a tarefa de levantar este mapa en base á triangulación xeodésica, o sistema de medición co que se deseñara o mapa de Francia tempo atrás.

A partir de 1817 Fontán emprendería en solitario este traballo, establecendo as primeiras estacións xeodésicas para a medición do territorio galego nunha aldea de Ordes e na Torre do Reloxo da catedral de Santiago. Despois de superar múltiples contratempos burocráticos -debidos ás represalias políticas por parte dos absolutistas, pola súa ideoloxía liberal-, conseguiu rematar o seu mapa en 1834, pero aínda tivo que esperar a 1845 para velo impreso.

Brandalise contactou comigo e con outros membros do Seminario de Estudos Comarcais a principios deste mes para que o acompañásemos polos lugares que percorrera Fontán en 1823 pola Terra de Soneira, seguindo a ruta marcada polo seu caderno, pois seica a nosa comarca tivera o privilexio de ser escollida por Fontán en cuarto lugar de entre todas as de Galicia. Isto vén reforzar os informes históricos que serviran de alegacións cando a Xunta non incluíra a Terra de Soneira no borrador do Mapa Comarcal de Galicia de 1996, facéndoo logo na versión definitiva de 1997.

Brandalise insistiu en facerme a primeira entrevista a pé do pazo de Follente (Zas), pois seica alí iniciara Fontán a súa andaina de traballo pola comarca. A escolla deste lugar foi sen dúbida porque o pazo pertencía á familia de Antonio Loriga, daquela Xefe Político (gobernador civil) da recén creada provincia de A Coruña. Seguindo o caderno de campo de Fontán continuamos polo vello camiño real de Santiago a Vimianzo, que ía por Tines e Salto, e non por Baio como a estrada actual. Así, detivémonos a pé da igrexa de Zas e pasamos pola ponte vella de Vilar en dirección á igrexa de Tines. Desde o seu adro Fontán puido ver, como aínda se ven hoxe, o Pico de Meda e os montes de Treos.

Despois fomos a Monte Torán (Bamiro), pois el déralle moita importancia a este monte de apenas 220 metros de altitude, pois nel situou un dos vértices xeodésicos para a medición triangulada, cousa que aínda hoxe se mantén (hai un piar de cemento levantado polo Instituto Geográfico Nacional). A vexetación impídenos hoxe ver o que seguramente vira Fontán desde alí: o Pico de Meda e o mar de Traba.

A feira de Torán

O ilustre xeógrafo, que está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres de San Domingos de Bonaval (Santiago), preocupouse de sinalar no seu Mapa, na aba norte de Monte Torán, unha importante «Feria», certificando así o que levamos repetido ben veces: que a Feira de Baio sempre estivo na Piroga, polo menos desde 1740, e nunca se moveu do sitio.

Pasando a ponte do río -que el chama «del Puerto» (e non Grande)-, sinala na veciña parroquia de Baio un edificio que hoxe xa non existe, lamentablemente: a «Torre de Bayo», e confirma a atinada intuición do finado erudito baiés Francisco Romero Lema, que nos seus escritos falaba da existencia nesta vila da Torre do Escudeiro, que el situaba na volta do Campo do Rollo «y que se derrumbó a fines del siglo XVIII o a principios del XIX». O derrube foi aínda despois; en pouco se enganou don Paco.

Fontán tamén ascendera ao campo da ermida de San Roque de Monte Coroado (Mira) e ao monte de San Bartolomeu (Salto), para ollar desde eles outras zonas da bisbarra soneirá. Alí estiveron agora con Vítor Hugo, os colegas Evaristo Domínguez e Xan Fernández Carrera. No seu caderno, Fontán levaba anotados puntos referenciais de case todas as parroquias soneirás; entre eles as Torres do Allo e a Torre de Vimianzo, os montes Faro e Sangre, a torre da igrexa de San Xorxe de Buría, Nosa Señora do Monte e a «Peña del cabo Vilaño», o extremo occidental da Terra de Soneira, a onde chegou o 17 de decembro de 1823. Imaxinemos o cabo sen ningún dos faros, construído o antigo en 1854 e o segundo e definitivo en 1896.

crónica histórica