«Temos a sorte de premiar a autores de gran calidade»

Mar Varela CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Paco Souto presentou o certame de poesía erótica.
Paco Souto presentou o certame de poesía erótica. m. v.< / span>

28 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

café con... paco souto

Esta semana presentouse en Malpica a sétima edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Un concurso impulsado pola asociación Caldeirón en colaboración co concello de Malpica. O vindeiro 24 de outubro remata o prazo para enviar os orixinais.

Paco Souto, secretario da entidade organizadora, deixou un pouco a un lado a súa faceta como escritor, «debido ás obrigas familiares», pero non así coma organizador.

O xerme do certame hai que buscalo hai unha década. Caldeirón organizaba nos bares de Malpica e Ponteceso dous recitais ao ano, un de poesía erótica e outro de contos de medo. Pero o primeiro sempre tivo máis éxito, «e as tabernas enchíanse», lembra Souto. «Comezamos co ánimo de pasalo ben, de convidar a autores de fóra e de compartir esa experiencia nos locais», di.

Por iso, un día decidiron convocar o premio que, na primeira edición versaba sobre ambas cousas, contos de medo e poemas eróticos. De novo, «o erotismo tivo máis éxito. Recibimos bastante material, mentres que contos de terror só un».

Agora, cre o organizador, trátase xa dun certame consagrado, no que «temos a sorte de ter premiado a autores de gran calidade». Paco Souto afirma isto mentres sostén o libro Amantes, de María Lado, nas mans. «Sorprendeunos moito este catálogo de amantes que presentou a escritora. Pero dende o principio os gañadores son xente con experiencia», afirma. De feito, o primeiro en levar o premio Illas Sisargas foi Antonio García Teixeiro, que conta no seu haber con máis de 60 títulos de literatura infantil.

No mes de novembro celebrarase na Casa Arpón a Cea das Letras. Unha velada na que se dará a coñecer o gañador desta edición e se presentará o libro Carnia Haikai, de Elvira Ribeiro, premio do ano pasado.

A velada rematará a altas horas. «É unha noite moi satisfactoria», di Souto, quen afirma que «non é a primeira vez que saímos ás seis da mañá cheos de poesía erótica e licor café».