Neira Vilas achegou o seu Balbino aos rapaces de A Laracha

Marta Valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O escritor inaugurou unha exposición sobre a súa obra máis famosa e falou cos rapaces sobre o seu traballo

26 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Foi recibido coma unha estrela de rock, cunha pechada ovación e cun cento de rapaces coreando o seu nome. Ao son de «¡Xosé, Xosé, Xosé...!» entrou onte o escritor Neira Vilas na Casa da Cultura de A Laracha disposto a responder sen medo algún ás preguntas dos nenos de quinto e sexto co colexio Alfredo Brañas, de Paiosaco, e de primeiro de ESO do instituto Agra de Leborís. Con tres testemuñas no estrado, o alcalde, José Manuel López Varela; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o xefe territorial de Cultura e Educación, Indalecio Cabana, o autor foille contando aos nenos algúns dos segredos de Memorias dun neno labrego, un texto que os rapaces estudan na escola, igual que fixeron os seus pais e, nalgúns casos, tamén os seus avós.

«Esta é unha boa ocasión para achegarnos á literatura galega e para espertar o interese pola lectura», asegurou o rexedor larachés facendo gala da súa vocación docente. Foi pouco despois de que Neira Vilas, as autoridades e os nenos inaugurasen na planta baixa da biblioteca municipal a exposición Querido Balbino, 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego, unha mostra que poderá verse en A Laracha ata o vindeiro 4 de outubro (de luns a venres, de 18.00 a 20.00). A exposición inclúe paneis informativos e vídeos divulgativos, ademais dunha ducia de cadros nas que pintores galegos (como os carballeses Milagros Cotelo e Miguel Anxo Calvo) plasman a súa visión do famoso Balbino. Un pequeno labrego que, dixo Neira Vilas, inspirou na súa infancia, pero aclarou que Balbino non era Xosé. «Eu non son Balbino, pero os ríos, os xogos, os costumes, os entroidos... Todo o que aparece no libro si que é parte da miña infancia», contou Neira Vilas, quen confesou que nunca imaxinou que o seu libro, o máis vendido da literatura galega -700.000 exemplares en todo o mundo- e traducido -a 36 idiomas, incluído o esperanto, e pronto se lle sumará o xaponés-, ía a ter tanta sona. «Sobrepasou todas as miñas expectativas», dixo o autor, que contou que o primeiro lector de Memorias dun neno labrego, foi Evencio, o camareiro que lle atendía a diario na cafetería de Bos Aires no que creou a Balbino. Un pequeno, explicou, que sempre falou en galego -«escribir en galego era o lóxico, porque ese era o meu instrumento natural», dixo- e que Neira Vilas usou para reivindicar a súa lingua e o seu país. «A única condición que puxen ás traducións é que se especificase que se facían dende o galego e iso serviu para dar a coñecer a miña terra», contou Neira Vilas.

O escritor recordou aos rapaces que «temos unha lingua e unha literatura moi rica», ao tempo que animou aos pequenos a estar orgullosos do seu idioma. «O máis importante é que a nosa lingua sirva de instrumento de comunicación. O seu futuro depende de vós», expresou Neira Vilas antes de que outra forte ovación e máis gritos de ánimo pechasen o seu encontro cos estudantes.

fomento da lectura