«Bergantiños é a capital da música tradicional galega»

Paula río CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Uxía, en un concierto en Carballo
Uxía, en un concierto en Carballo JOSE MANUEL CASAL

Uxía, que celebra 25 anos nos escenarios, actúa hoxe en Carballo

17 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

vivir el verano

O Verán Cultural de Carballo continúa coa súa programación, e hoxe actuará no escenario da praza do Concello a artista galega Uxía, que presentará o seu novo traballo, Meu canto, a partir das dez e media da noite.

- Leva sobre o escenario desde 1985 e xa conta cunha longa experiencia. ¿Co paso do tempo estamos ante unha Uxía máis evolucionada?

-En todos estes anos é inevitable evolucionar na literatura, na artística, no persoal... E polo tanto afecta na forma de facer música. Aínda que a esencia, a enerxía e a ilusión son as mesmas dos meus comezos. Levo 25 anos na música e dígoo con orgullo, porque me podo dedicar a isto, vivo da música.

-¿Durante a súa carreira tivo algunha influencia doutros músicos?

-Si, supoño que iso é inevitable. Quizá pola alma me atrae Cesária Évora, de Cabo Verde. Trátase duna artista que admiro moito, pola súa forma de facer música que sae da alma, séntese co corazón, e fai que flúan os sentimentos a través da música. Jacques Brel, coas súas letras, e tamén teño como referente a José Afonso, un músico da canción protesta en Portugal. Podería citar a moitos máis, pero en xeral estou moi vinculada coa música portuguesa e brasileira.

-De feito, o seu último traballo, Meu canto foi gravado en Brasil.

- Si, gravei este disco en Río de Janeiro, nun dos estudios máis prestixiosos de Brasil. Decidinme a gravalo alí porque coincidiu no medio dunha xira moi especial por ese país. Este traballo está pensado para ser unha celebración dos 25 anos que levo dedicada á música, para iso fago unha homenaxe á guitarra e máis á voz, que son os principais vehículos que me permiten expresar e transmitir os meus sentimentos . Na gravación, ademais, tamén inflúe a sensación de sosego e calma que sentín alí, necesario para volcarse no traballo.

-¿Que novidades imos atopar neste disco?

-Unha voz pura e unha viaxe aos meus comezos, coa miña guitarra. Unha forma de facer música máis minimalista onde a voz vai en primeiro plano, un disco que se fai con poucos instrumentos e cunha escenografía sinxela, e ás veces o máis sinxelo é o máis difícil de conseguir. É unha especie de retrospectiva, contén temas pertencentes ao repertorio en directo pero que non tiñan o seu soporte en disco, ademais de novas cancións. Este traballo é fundamentalmente unha reflexión sobre a miña forma de cantar e o que iso significa para min. Ademais conto coa colaboración de Carlos Blanco, con poemas recitados, e Sérgio Tannus, un importante músico brasileiro.

-Hoxe presentará este traballo ante un público que a coñeceu nos seus comezos. ¿Que poderá ver sobre o escenario?

-Un concerto intimista pero non por iso menos participativo. Ademais, ao tratarse dun espectáculo ao aire libre o resultado é marabilloso e está a gustar moito, porque a xente está saturada das cancións que teñen tantos ritmos diferentes. Nesta ocasión gozarei da compañía de Sérgio Tannus e Xoán Porto para desenvolver a actuación. Tamén imos cantar pezas de discos anteriores, e pode que os asistentes gocen dalgunha sorpresiña sobre un traballo que estamos levando a cabo de poemas de Manuel María, e probablemente nos atrevamos con algunha peza.

- Xa non é a primeira vez que visita a vila carballesa. ¿Que acollida encontra nas súas actuacións?

-Carballo é un lugar moi especial para min, porque aquí é onde comezou a miña traxectoria cando resultei a gañadora do Festival de Bergantiños en 1985. Durante todo este tempo volvín ata aquí para presentar algún dos meus anteriores traballos, dos que hoxe cantarei algún tema para que a xente se anime a cantar comigo. Ademais, o cariño do público de Bergantiños significa para min un alento, e sempre fun recibida con moito calor do público. Esta terra está considerada como a capital da música tradicional galega, contén moita riqueza musical, pódense atopar temas clásicos cantados por voces anónimas. Bergantiños ten unha sorte especial de que haxa tantas persoas que aínda coñezan eses temas.

Uxía cantante