«Se antes xa eramos o último, agora aínda o somos máis»

Verónica Couto CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O intérprete ceense acaba relevar a Morris á fronte dos actores galegos

11 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Toño Casais (Cee, 1976), membro da compañía Talía Teatro, tomou este domingo o relevo de Antonio Durán Morris como presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Este recoñecido veciño da Costa da Morte afronta esta etapa con moitas ganas e ilusión, e á fronte dunha xunta directiva da que tamén forma parte, como vogal, o vimiancés Vicente de Souza.

-¿Cales foron as razóns polas que aceptou o cargo?

-A verdade é que o pensei moito pero afronto a presidencia con moitísimas ganas, feito que considero fundamental para poder facelo ben. Acepteina porque creo que pouco a pouco nos temos que ir relevando, é algo polo que todos temos que pasar. Ademais, a directiva está formada por xente nova con moitas ganas de levar a cabo esta etapa. A verdade é que formamos un grupo moi interesante.

-¿Cales son os seus obxectivos como presidente?

-Posto que esta directiva foi proposta pola anterior os obxectivos son máis que nada afianzar as políticas que se viñan facendo. Queremos ter un papel importante dentro da plataforma das artes escénicas e reivindicar políticas activas diante da Xunta de Galicia. Aínda así o papel reivindicativo esperemos que non teña que ser tan duro como no anterior mandato, posto que é algo que cansa bastante. Esperamos poder dedicarnos máis aos asociados. Pretendemos tamén nestes dous anos de mandato que nos esperan homenaxear a Roberto Vidal Bolaño, xa que representa a historia pura do teatro galego e darlle especial importancia aos Premios María Casares. Non deixar que o Centro Dramático Galego caia en malas mans como estivo a punto de pasar é outro dos nosos obxectivos para este novo mandato.

-¿Como ve o futuro do teatro?

-A verdade é que non somos moi optimistas. Hai moitas compañías que están pechando porque o nivel de contratacións está diminuíndo considerablemente. Se antes contabas con 50 espectáculos agora contas con 30. Nós, afortunadamente, tivemos un primeiro semestre moi bo, en cambio este segundo xa se presenta peor. Aínda así dentro do que cabe imos saíndo adiante. Hai empresas que pasaron de ter 30 a 10 datas, e con estas cifras e imposible seguir adiante. Durante o último trimestre do ano pasado e o primeiro deste non se pagaba nada, entón moitas empresas non puideron afrontar os seus créditos e tiveron que pechar. Ademais aconteceu algo que para min empeorou moito a situación: o peche do programa Camiños de Cultura por parte da Consellería de Cultura supuxo a perda de moitos postos de traballo así como a ausencia de calquera tipo de espectáculo en algúns concellos. Sen ese programa teñen que pagar o caché completo de todo e a estas alturas do ano os cartos xa están todos gastados. O que está claro é que se sempre fomos o último agora que todo vai mal aínda o somos máis.

-¿Cales son os seus proxectos profesionais próximos?

-A presidencia da asociación é algo que fago no meu tempo libre, é dicir, eu sigo co meu traballo en Talía Teatro. Pronto estrearemos en Carballo o espectáculo O método Grönholm e estamos volcados nese proxecto. Presidir a asociación é algo que a directiva facemos sen ningún tipo de ánimo de lucro, pero que é moi necesario. Na asociación hai dúas persoas que se encargan de mantela activa, a directiva encargámonos máis ben de dar a cara ao público.

TOÑO CASAIS novo presidente da aaag