O neno labrego de Pazó conquista a Neira Vilas

Os alumnos do instituto de Ponteceso ateigaron a Casa dos Veciños de O Couto para asistir á representación teatral


carballo / la voz

O actor Cándido Pazó meteuse onte pola mañá na pel de Balbino para achegarlle aos alumnos de Ponteceso todas as emocións da obra de Neira Vilas Memorias dun neno labrego.

A interpretación de Pazó, que segundo el mesmo explicou ao termo pasa xa das setenta postas en escena, «e sempre vai mellorando, porque se ve o que funciona co público é o que non».

Neste caso, a función da Casa dos veciños do Couto incluída no programa das Festiletras, tivo un significado especial, porque, á parte de ateigar de público a sala, prologouna o propio Neira Vilas, quen durante a función, que seguiu moi atento, mesmo repetía para si, algunhas das expresións máis destacadas do texto.

Deste xeito, as vivencias de Balbino, o seu loito forzado, a amizade con Lelo e co can Pachín, convertéronse nunha lección maxistral para os rapaces, case tan atractiva coma as que o protagonista do libro recibía da súa amada mestra Eladia. Pazó, á parte de contar as coitas do rapaz, tamén sacou a relucir as mellores chanzas da obra e arrincou sonoras gargalladas dos mozos. Só o final apresurado, que obrigou a cortar o espectáculo no momento máis dramático, desluciu a actuación, co evidente cabreo do actor e de moitos dos presentes.

Arraxado ese asunto, a xornada de onte do Festiletras deu para moito máis, porque dende primeira hora da mañá os autores invitados, acompañados de animadores, levaron a cabo un percorrido polas garderías, colexios e institutos do concello para introducir aos rapaces no gusto pola literatura.

Ao termo da ruta, descubriuse unha placa na Casa dos veciños en honra dos escritores Miguel Anxo Mato, Xelucho Abella, Xabier Docampo, Ana María Fernández e Xoán Babarro.

mañá

Ás 11.00 arrancará a ruta pondaliana Val Nativo para convidados da Fundación López Abente de Muxía. Ás 13.00 horas, na Fundación Pondal, apertura das exposicións Torneiros do Centro Galego de Artesanía e Deseño e Entre amigos.

tarde

Na biblioteca da Casa dos Veciños, Xabier Díaz e Guadi Galego impartirán ás 17.00 horas un obradoiro de cantos e arrolos. Ás 18.00, na Fundación Pondal, Café da memoria sobre Valentín Paz Andrade, coordinado por Luis Giadás e presentado por Jorge Mira.

Noite

Concerto Acadacanto na Casa dos Veciños, con Xabier Díaz, Guadi Galego, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos

O neno labrego de Pazó conquista a Neira Vilas