Centos de nenos inauguran as Festiletras no seu 30 aniversario

Escolares de colexios da bisbarra recitarán poemas pondalianos


carballo / la voz

A praza do Recheo de Ponteceso será o punto de encontro para centos de nenos de seis centros educativos da bisbarra, que serán os encargados de abrir este ano as Festiletras de O Couto. Farano da man da escritora ceense María Canosa, encargada de conducir o acto. Os pequenos recitarán poemas que Pondal escribiu sobre a súas terras de orixe a cada un deles depositará unha flor silvestre no monolito pondaliano. Nos últimos días os profesores explicaronlles que o bardo era un poeta bravo, polo que non se lle debe homenaxear cunha flor de invernadoiro ou mercada. O acto rematará coa interpretación do himno galego, ao que poñerá música, coa súa gaita, Manuel Caridad.

Os pequenos proceden dos Colexios Rurais Agrupados Novo Mencer, de Coristanco; Os Remuiños, de Cabana; Nosa Señora do Faro, de Ponteceso, e tamén dos centros de primaria de Laxe, Eduardo Pondal e As Forcadas.

Balconadas

Hoxe empezarán a colgarse nos cabanotes e as fiestras da aldea de O Couto as 34 balconadas que lembran poemas e textos de escritores galegos. Este ano, alumnos do instituto de Ponteceso están a facer as 14 últimas, todas elas relativas aos autores aos que estiveron dedicadas as Festiletras de O Couto, desde a súa primeira edición.

Pola tarde haberá a clausura da Escola Municipal de Teatro de Ponteceso. Os grupos de Corme representarán O primeiro día de Bob e Orellas de bolboreta; os de Ponteceso, A maldición de Rabuña e A bruxa regañadentes, e o de A Campara, Os cabuxiños.

A hora dos adultos chegará ás dez da noite, cunha nova representación das Noites de Prácido Luae, un roteiro poético-musical que se fai coa colaboración da mocidade da volta e que dirixe Lucho Penabade. Súmanse á celebración a coral A Oliveira de Monte Branco e a banda de gaitas Inllar. A presentación será da xornalista de Anllóns Cristina Martínez. Orquestra Cé Pantasma, que animará o encontro cos nenos da mañá, será o encargado do fin de festa, na media noite na eira da sede da Fundación Eduardo Pondal.

As actividades continuarán ata o domingo, coa apertura da Feira de Artesanía, o Salón da Feira do Libro Galego e outros clásicos das Letras de O Couto. Ata ese día estarán presentes desde Kepa Junquera ata Quico Cadaval, pasando por o mago Antón, Cándido Pazó, Neira Vilas, Xurxo Souto, Xavier Díaz ou Jorge Mira. A sucesión de actividades en Ponteceso e no Couto vai ser incesante.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Centos de nenos inauguran as Festiletras no seu 30 aniversario