As letras énchense de contido na programación carballesa do mes de maio

M. v. m. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

10 may 2012 . Actualizado a las 17:56 h.

Ao igual que ocorrerá noutras localidades da bisbarra, en Carballo non haberá un día dedicado ás Letras Galegas, senón todo o mes, o que permitirá aos veciños gozar duns vinte actos culturais do máis variado nos que participan distintas asociacións do concello. Os principais, por suposto, serán o vindeiro 17, xornada na que a figura de Valentín Paz Andrade, homenaxeada este ano, estará máis presente que nunca. Así o anunciaron onte o alcalde carballés, Evencio Ferrero, e a concelleira de Cultura, Mar Eirís, que destacaron que o Día das Letras, ao igual que en anos anteriores, os veciños poderán, entre as 11.00 e as 13.30 horas, participar nunha lectura pública de textos dos autores homenaxeados nas distintas edicións das Letras. Ademais, actuará a banda de gaitas, integrantes de Xocaloma e a banda de música municipal.

Tamén haberá música o día 19 (20.00 horas) co tradicional concerto de aniversario do coro Aires de Bergantiños, no que tamén participará a coral Brisas do Mar, de Camariñas.

Pero non hai que ir tan lonxe no mes para gozar da cultura, xa que para este mesmo fin de semana están programadas dúas xornadas teatrais das que se encargarán os grupos do Coro Vagalume. O sábado (21.00 horas) interpretarán Mary Poppins e Unha de romanos, e o domingo (18.00 horas) repetirán Unha de romanos e estrearán Vagalume City.

O día 16 a cultura achegarase ao Pazo carballés coa programación Vitaminas para o galego, un acto presentado por Paula Carballeira no que se entregará o premio do certame de Artigos Xornalísticos Normalizadores ao escritor Carlos Callón e no que o grupo Sés, encabezado pola carballesa María Xosé Silvar.

O Mes das Letras de Carballo completarase con rutas de senderismo (as de Senda Nova e a que a asociación de veciños de Ardaña fará pola parroquia o día 17), a presentación do libro Comarca Natural de Bergantiños (día 19) e Un mar de sensacións (día 25), concertos (o de violíns o día 24 e o do quinteto Cimarrón o día 31), exposicións (O soño azul, de Ana García, desde o día 19), sesións de contacontos (Títeres Cachirulo estará en Carballo o día 25) e o tradicional encontro cultural de Arume (o sábado 26).