Unha carpa itinerante estará desde hoxe en seis cidades galegas
05 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O vindeiro 17 de maio non é só o Día das Letras Galegas, tamén é o Día Internacional da Reciclaxe, unha celebración que aínda non é moi coñecida e que naceu nos anos 90 en Estados Unidos.
Aínda que este tipo de datas deberíanse conmemorar «todos os días», a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) decidiu achegárnola a través dunhas carpas que van ir viaxando polas cidades galegas nos vindeiros días «para chamar a atención» e para ter unha oportunidade de saír á rúa e transmitir a mensaxe», explicou o presidente da entidade, Luís Lamas, no programa radiofónico Ecovoz.
O periplo desta carpa denominada Aula da Reciclaxe comeza esta tarde en Vigo. Alí atoparase información e diversión para os máis cativos, pero tamén para os maiores, para que «cada día afondemos un pouco na mellor separación en orixe» e incrementemos a taxa de reciclaxe que, «francamente», non é boa en España e aínda «é máis mala en Galicia», cinco puntos por debaixo da media estatal. «Partimos dunha situación menos vantaxosa pola dispersión poboacional e a enorme cantidade de núcleos», pero «hai que chegar ao 2020 cunhas cifras que non nos avergoñen», recorda Lamas.
Sogama e a sociedade en xeral confían nas novas xeracións de galegos, que «teñen outra mentalidade», pero o presidente da entidade recoñece que as Administracións, tamén eles mesmos, «teñen parte de responsabilidade» nesa cifra tan mala na separación de residuos.
Agora, ca Aula da Reciclaxe, pretenden sensibilizar na educación medioambiental. «É un instrumento máis que esperamos que teña boa aceptación e que ata o de agora non fixéramos en Sogama». Uns monitores serán os encargados de dar a información e de facer as actividades lúdicas cos máis cativos. Ademáis, haberá unha pequena ludoteca para os nenos de entre 3 e 10 anos.
A carpa itinerante da Aula da Reciclaxe da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), que conta coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, visitará nos vindeiros días seis cidades do noso país para informar divertindo a quen queira pasar por alí, tantos cativos coma maiores.
O lema é Edúcaos na reciclaxe. Nas súas mans está o futuro de todos. A primeira parada é hoxe. A última, a xornada anterior ao Día Internacional da Reciclaxe que se celebra o 17 de maio. O horario de apertura das carpas é idéntico en todas as urbes: desde as 16.00 ata as 21.00 horas.
vigo
Hoxe. Rúa do Príncipe (Porta do Sol)
pontevedra
Domingo 6. Praza da Herrería
OUrense
Xoves 10. Alameda
ferrol
Venres 11. Praza de España
lugo
Sábado 12. Praza Anxo Fernández Gómez (detrás da Casa Consistorial)
Compostela
Mércores 16. Praza Roxa