Café con Rosalía Fernández Rial
04 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Mentres outros á súa idade apenas comezan a súa carreira, Rosalía Fernández Rial, con só 23 anos, xa escribiu un par de poemarios, toca o acordeón e mergúllase en todo o relacionado ca arte na Costa da Morte. Tan metida está no mundiño, que desde hai uns días é a presidenta da Agrupación Cultural Lumieira de Carballo, unha das máis vellas e activas da bisbarra (se non a que máis). Unha «honra» para unha rapaza tan nova nun equipo moi amplo «no que Farruco Fraga é moi importante, aínda que el non o queira recoñecer».
Como presidenta, vai facer que o tradicional concurso de pintura do Día das Letras Galegas que organiza Lumiera saia adiante un ano máis e xa prepara un recital con música «para a vindeira temporada».
Mentres, esta medio carballesa, medio muxiana, desenvolverá proxectos propios, como un poemario conxunto co artista Mon Lendoiro, que verá a luz a finais de ano. Pero sobre todo está inmersa na publicación do libro Un mar de sensacións, no que, xunto co seu pai, Xan Fernández Carrera, mestura rutas pola Costa da Morte con poemas seus. Un traballo que se presentará en Muxía o día 18 e en Carballo o 25.
Fernández Rial é unha defensora da cultura, por iso lamenta os recortes. «O maior investimento dun país é a cultura e a educación. A opción equivocada é cortar iso. Un país necesita persoas formadas e cultas».
Esta xoven artista ten como obxectivo transmitir. Baixo esa palabra agóchase a súa necesidade vital: «Expresarme», porque «as artes forman parte de un todo que se pode manifestar de maneiras diversas».
-¿Que lle gustaría ler nun xornal?
-Que a sección de economía deixara de ter tanta importancia ou que se suprimira.
-A felicidade é...
-A finalidade de todo ser humano.
-¿É vostede máis de falar ou de escoitar?
-As dúas cousas.
-Unha frase que soe repetir moito.
-Depende ou non sei. Unha oración dubitativa.
-De non ser artista, sería...
-Gustaríame profundizar máis no arte dramático.
-¿Cales son os seus zapatos favoritos?
-Os zapatos que máis corrían. Eran uns zapatos que tiña de cativa e cos que me parecía que corría máis.
-¿Prefire versión orixinal ou dobraxe?
-Versión orixinal.
-¿Usa Internet no móbil?
- Non. Non sei se inventarían Internet cando se fabricou o meú móbil.
-Se puidera vivir outra vida sería...
-Un personaxe de ficción, posiblemente un de [o escritor arxentino Julio] Cortázar.
-¿Que toma no descanso de media mañá?
-Colacao ou algo de froita.