Moitos arquitectos apostan por unha mínima pegada ecolóxica

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Un bo deseño do edificio reduce o gasto en enerxía ao mínimo

21 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

As novas xeracións de arquitectos están máis comprometidos co medio ambiente e cada vez vense máis edificios bioclimáticos. Apréndeno na Universidade, no día a día, e tamén algúns clientes llelo piden, preguntando non só canto custa, senón tamén canto gastan. Un exemplo é a vivenda unifamiliar que o arquitecto Carlos Bóveda, en colaboración con Domingo Alberto Miranda, proxectou en Ames. Nela afórrase porque está orientada cara ao sur, ten refrixeración natural, o 100% da enerxía obtense de fontes renovables e empréganse materiais industriais de desfeito. A pegada ecolóxica é, deste xeito, moi baixa.

Pero os arquitectos máis verdes apostan por rehabilitar en vez de construír. En Galicia esa cifra supón o 24% do traballo do gremio. «Aumentou pola crise», asegura Celestino García, do Colexio de Arquitectos de Galicia, pero esa cifra «ten que subir». En países como Alemaña, ás reformas son case o 60 % e en Dinamarca, o 80. O sector avoga pola rehabilitación para reducir custes e para baixar o consumo de enerxía.

Arquitectura e entorno son dous termos que «sempre se levaron ben», indica Celestino García. Antigamente non había aparellos contra o frío e a calor, así que as vivendas eran bioclimáticas. «Foi nos últimos anos cando se estragou este proceso. En Galicia, salvo excepcións como laboratorios ou hospitais, tiña que estar prohibido o aire acondicionado», algo innecesario «se a casa se pensa ben», di o técnico, que engade que para iso hai que «comezar polo urbanismo» e que «certa lexislación non estorbe».

As nosas vilas e cidades poderían estar integradas no entorno, e con «mínimas» diferenzas á hora de pagar. Non falamos de ciencia ficción.