«Queremos que a xente faga deporte e turismo»

ramón rivera / m. v. m. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Este sábado arranca en Carballo a segunda edición das rutas cicloturísticas «Coñece o teu Concello»

22 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O Club Ciclista Placasa Carballo estreará este sábado a segunda edición do programa Coñece o teu Concello, catro rutas cicloturísticas para gozar do deporte e, ao mesmo tempo, coñecer algúns dos recunchos máis fermosos do municipio. Das rutas falou onte en La Voz del Deporte, de Radio Voz Bergantiños, o director deportivo do club, Juan Seoane Collazo.

-¿Como serán as rutas?

-A primeira será este mesmo sábado pola zona de Sísamo, Goiáns, Cances e Oza. A segunda será o día 31 por Artes, Sofán, Berdillo e Bértoa, a terceira, prevista para o 7 de abril, será con bicicleta de montaña por Ardaña e Rus, e a última será o último sábado de abril, o día 28, pola zona da costa, cara a Razo e Vilela. Facemos un parón a medios de abril porque aí temos competicións.

-¿Son as mesmas do ano pasado?

-Efectivamente, tiñamos pensado varialas un pouco, pero por cuestións de organización e sobre todo para facilitarlle as cousas aos participantes, decidimos repetilas, porque o ano pasado funcionaron moi ben. O que vimos é que se nos saímos desas zonas hai moitas máis costas e non son paseos aptos para calquera persoa. O que pretendemos é que veña calquera que estea acostumado a andar un pouquiño na bicicleta, sen que teña que facer un gran esforzo. A primeira ruta, de 20 quilómetros, é a máis fácil de todas e a de BTT tamén é doada, a única diferenza é que hai que levar bicicleta de montaña.

-Non son carreiras.

-Claro que non, trátase de facer deporte, pero tamén un pouco de turismo. Antes de empezar darémoslle aos participantes uns trípticos explicando por onde pasaremos e o que imos ver e despois faremos algunha parada nas zonas máis interesantes. Non imos con présa ningunha, ao contrario, o obxectivo é que a xente vexa e goce das cousas.

-¿Cales son os requisitos para participar?

-Ter bicicleta e saber andar nela, por suposto; levar casco e estar o sábado un pouquiño antes das catro na praza da Concello. É algo totalmente gratuíto.

-¿Será unha ruta segura tamén para os nenos?

-Por suposto, haberá que cumprir as normas de tráfico, porque non se vai cortar a circulación por nós, pero iremos acompañados pola Policía Local e por Protección Civil e iso facilitará moito as cousas.

Juan seoane director deportivo del club ciclista placasa