Aparece un sainete escrito en galego por Labarta Pose

xosé María rei lema

CARBALLO

«Unha boa misa» foi publicado en 1905 no semanario «Nova Galicia» de Bos Aires

17 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O filólogo baiés Xosé María Rei Lema vén de atopar no arquivo da Real Academia Galega o sainete escrito en galego «Unha boa misa», escrito por Enrique Labarta Pose e publicado en 1905 no semanario «Nova Galicia», de Bos Aires. A obra, na que o autor baiés fai gala da súa retranca e ironía, foi estreada polo coro pontevedrés Foliadas e Cantigas o 22 de abril de 1923, no salón Quiroga de Marín. Despois puido verse en outros teatros de Galicia, entre eles o Rosalía de Castro da Coruña.

No artigo Unha obra de difícil acceso, publicado en La Voz de Galicia o 17 de maio de 1994, o malpicán Xosé Manuel Varela facía un percorrido polo teatro labartiano e sinalaba que a primeira noticia que tivo del procedía doutro artigo publicado neste mesmo xornal o 7 de setembro de 1963 por Francisco Romero Lema. Este afirmaba que Labarta «escribió para el teatro, además del apropósito Carnaval en Pontevedra en 1900, el sainete Unha boa misa, y las zarzuelas Al planeta Marte y El Alcalde de Matalarrana». Varela dinos que Pontevedra en 1900, escrita en castelán, foi estreada e editada ese mesmo ano na cidade do Lérez; e con respecto ás outras consultara con Enrique Labarta Lorenzo, neto do escritor e responsable do arquivo familiar, que contesta que no arquivo están as dúas zarzuelas, pero non o sainete en galego, do que nada sabe.

A casualidade quixo que aparecese agora este sainete de Labarta publicado a miles de quilómetros de aquí. Atopámolo no semanario Nova Galicia, de Bos Aires, no seu número 86, correspondente ao 9 de xullo de 1905, que puidemos consultar na Real Academia Galega.

Nova Galicia foi fundado en 1903 por Fortunato Cruces, poeta orixinario de Dodro. Temos noticias da súa saída ata 1951, mais foi nas súas dúas primeiras décadas cando se converteu no máis popular entre os galegos da Arxentina. A presenza labartiana nas súas páxinas témola que valorar logo da publicación dunha nota en setembro de 1903, na que se di que Labarta aceptaba ser colaborador. Con todo, non aparecerá ningún texto seu ata xullo de 1905, casualmente a obra que nos ocupa. A razón ben pode ser de tipo laboral, pois Labarta abandona Pontevedra en 1904, destinado, como oficial de Facenda, primeiro a Burgos e despois a Valladolid. Desde xullo de 1905 ata xullo de 1906 aparecerán nesta publicación cinco poemas e cinco contos, case todos de nova creación: é o caso dos poemas ¡Váisem?a musa!, A foliada ou ¡N?ay millor vida qu?a d?o labrego!, e os contos ¡Unha mala visita!, en galego, e outros catro en castelán; aínda que seguramente publicase algún texto máis, pois a colección que conserva a Real Academia Galega desta publicación está incompleta.

Gratificación económica

Logo deste ano prolífico, volveuse silenciar a súa voz, e de novo a causa pode estar no seu traslado a Barcelona. En setembro de 1908, rogaban ás outras publicacións da colectividade que non editasen textos de Labarta sen o consentimento do autor, ou que polo menos lle enviasen unha gratificación económica, para a cal daban o seu enderezo de Barcelona.

Afirman ademais que Nova Galicia foi a primeira publicación na Arxentina en recoñecer os méritos do baiés, e que mentres puido enviar os seus traballos, estes fóronlle pagados. Entre os anos 1909 e 1912 atopamos no semanario varios poemas e contos de Labarta xa editados anteriormente, aínda que publica dous ou tres contos novos en castelán, entre eles un futurista titulado ¡Ayer y hoy! Artículo que escribirá un futuro redactor de Nova Galicia en el año 2001. Con posterioridade aparecerá de cando en cando algún poema ou algún conto dos xa publicados.

Teatro labartiano

A relación de Labarta co teatro vai máis alá da representación de Pontevedra en 1900, e xa Varela sinalaba no seu artigo que en agosto de 1917 o coro coruñés Cantigas da Terra debutaba no Teatro Rosalía de Castro co poema labartiano A festa da patrona de Tabeirón. Tamén é ben certo que varios dos contos de Labarta foron adaptados e representados desde hai máis de medio século e ségueo a facer o grupo de teatro Badius. É o caso de O sacreto do tío Sanfona, O tío Misería, A língoa pequena ou Alegría que pasa.

Da representación de Unha boa misa non se tivo noticia ata que Laura Tato publicou a súa tese de doutoramento (O teatro galego e os coros populares, 1915-1931) en 1996. Aquí sinala que o coro pontevedrés Foliadas e Cantigas estreou o sainete labartiano o 22 de abril de 1923 no Salón Quiroga de Marín, repetindo no mesmo lugar o 17 de xuño e no Teatro Tamberlick de Vigo o 6 de xuño. En novembro do ano seguinte o coro representouno de novo en Marín, antes de iniciar unha xira polos mellores teatros galegos, entre eles o Rosalía de Castro da Coruña, o Jofre de Ferrol ou o Principal de Santiago. Esta xira supuxo ademais o adeus dun coro que debutara en 1919 na homenaxe que os coros galegos lle tributaron a Perfecto Feijoo.