«Só hai que declarar fincas que teñan utilidade agrícola clara»

Luis García / cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A Xunta abriu o prazo de solicitudes para as axudas da PAC

06 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

José Álvarez Robledo (A Fonsagrada, 1960) é o director xeral de Produción Agropecuaria da Consellería de Medio Rural e do Mar. Unha das súas principais preocupacións é a nova Política Agraria Común, a PAC. Diso precisamente falou no programa Voces de Agro, en Radio Voz Bergantiños.

-Agora está aberto o prazo para solicitar o pago único das axudas da PAC. Unha das súas características é o que lle chaman desacoplamento. ¿Qué significa?

-Os europeos temos moi claro que os sectores agrarios e gandeiros son estratéxicos. Todos queremos que os alimentos se produzan no noso entorno e nunhas condicións de sanidade e seguridade adecuadas. Ao mesmo tempo, os bloques económicos internacionais, a Organización Mundial do Comercio e nós mesmos, ao longo da evolución da PAC e presionados en moitas ocasións por intereses económicos, vímonos na obriga de pagarlles aos agricultores, de axudarlles polos bens públicos que xeran no exercicio da súa actividade, pero non unha axuda directamente vinculada á produción que realizan. Iso é o que se coñece co nome de desacoplar.

-Iso faise despois da reforma intermedia da PAC do 2003.

-Iso é. Faise a partir do 2003 e aínda a día de hoxe non se desacoplou todo. Algunhas axudas seguen acopladas como, por exemplo, as das xovencas. Así, un cobra polas reses que teñen dereito. Outro exemplo é a revisión que se fixo no ano 2008. Naceran dalgún xeito unhas axudas novas que son as que coñecemos como as do artigo 68. Esas recoñeceron, no caso español, a vulnerabilidade do sector lácteo. En Galicia temos tanto no sector lácteo como no cárnico algunhas axudas aínda acopladas é seguirá así ata o 2013 como mínimo

-Outro concepto é o da condicionalidade. ¿De que vai isto?

-Boa pregunta. Como xa dixen antes, desacóplanse as axudas para permitir ao profesional que produza aquilo que mellor encaixa no mercado sen sequera obrigarlle a unha cantidade mínima. Vai ter dereito á axuda, pero sempre condicionado a unha serie de cuestións. Isto é a condicionalidade. Vaime custar explicala. Non sei aínda se nós entendemos perfectamente ben a cuestión da condicionalidade. Neste senso, o que tería que facer eu é pedir desculpas ao produtor porque non me estraña que non a entendan.

-Podemos intentalo.

-En xeral trátase de manter nunhas boas condicións agrarias e medioambientais a superficie utilizada. Trátase de respectar as normas de benestar animal e de utilización de produtos químicos. Son toda unha serie de requisitos imprescindibles algúns e outros que penalizan á hora de recibir o pago único da PAC de cada ano.

-O benestar animal e o medio ambiente son dúas cuestións moi importantes e a partir do 2010 engadíronse cousas novas como as axudas por cultivos de herbáceos.

-Iso pasa a estar no pago único, nesa corrente de desacoplamento na que o produtor recibe unha cantidade de diñeiro polas hectáreas que vén coidando e polo número de dereitos dos que dispón. Nos últimos anos foron engadíndose unha serie de liñas e entre elas está a dos cultivos herbáceos.

-Parece que hai unha tendencia a simplificar.

-Esa é a tendencia aínda que, efectivamente, todos cantos traballamos neste esquema de apoio aos agricultores temos que recoñecer que aínda hai que facer un esforzo moito maior neste senso. A proposta que se nos presenta para o 2014 está a ser, como todos sabemos, bastante simplificada. Quíxose facer unha aposta por un sistema máis sinxelo establecendo un réxime de pequenos produtores que serían aqueles que só perciban entre 700 e 1.000 euros ao ano. Para eles debuxa a posibilidade dunha foto fixa, da súa explotación, que poden manter ata o 2019. En resumidas contas, a simplificación é un obxectivo que se marcan os xestores. Outra cousa é se imos ao ritmo adecuado para conseguilo. Temos dificultades coas regras de xogo que nos impón a comisión europea. Iso prexudica ademais porque a xestión da propia política agrícola xera un custe que rebaixariamos se conseguíramos acelerar esa simplificación. Temos que facer máis sinxelos os trámites para que os entenda o agricultor e o gandeiro.

-¿Qué novidades hai este ano?

-Unha delas é que abrimos o prazo para a presentación de solicitudes o día 1 de marzo. Afondarase máis no desacoplamento e permitirase, despois do período de peticións, incluír as superficies que poidan ser elixibles no seguinte período, a partir do 2014. Invitamos aos profesionais a que sexan responsables, que declaren canto máis mellor, pero sempre parcelas que poidan ter pasto. Só hai que declarar fincas que teñan utilidade agrícola clara.

-¿Cómo é o proceso para a presentación das solicitudes?

-Os gandeiros e agricultores están a recibir estes días nas súas casas, igual que todos os anos, o documento para a presentación da solicitude. Temos moito interese porque non agarden ao último día. Nós temos que esperar a ter todas as peticións para ser capaces de albergalas nunha base de datos e facer os controis obrigatorios.

-¿É sinxelo o sistema para a entrega das peticións?

-É moi coñecido e consolidado. A Administración temos un convenio coas entidades de asesoramento aos produtores que son os que tramitan no seu nome as solicitudes. Eses organismos teñen unha aplicación informática que nós lles facilitamos.

-¿Cando remata o prazo?

-O 30 de abril. As que se presenten despois desa data poden ter unha penalización do 1 %, pero non se descarta que o Goberno faga unha prórroga, como xa pasou antes, porque hai comunidades que non lles da tempo de facer todos os trámites. Non vai ser o noso caso.

José Álvarez Robledo director xeral de produción agropecuaria

«Non sei aínda se nós entendemos perfectamente ben a cuestión da condicionalidade»