A Costa da Morte faise un oco na gala dos María Casares

á. p. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

Cinco dos premios que se entregarán o día 3 de abril poderían ter cor comarcal

03 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O teatro feito na Costa da Morte goza de boa saúde e volverá a ter unha presenza destacada na décimo sexta gala dos premios María Casares, que concede a Asociación de Actores e Actrices de Galicia e que serán entregados o próximo 3 de abril no transcurso dunha gala que terá por escenario o Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

No listado de nominados feito público esta mesma semana cunha festa celebrada no concello de Ames aparecen un bo número de aspirantes relacionados coa comarca, xa sexa por ser orixinarios dela, ou ben por ter participado nos montaxes da súa compañía de bandeira, Talía Teatro.

A agrupación ceense está representada en dúas categorías grazas á súa montaxe Pelos na lingua. A continuación da exitosa e veterana Bicos con lingua pode darlle o María Casares a Avelino González, Artur Trillo, María Ordóñez e Sechu Sende como coautores do mellor texto orixinal, premio ao que optan tamén Manuel Cortés por Citizen Total (Grupo Chévere), e Santiago Cortegoso por 0?7 % Molotov (Teatro de Ningures).

O traballo de Avelino González con Talía podería ter recoñecemento por partida dobre, posto que opta tamén ao premio á mellor dirección. Os seus contrincantes son Xesús Ron (Citizen total) e Xulio Lago (E. R. Algún día traballaremos xuntas, de Teatro do Atlántico).

Na categoría de actor secundario só César Goldi (A ópera dos tres reas, do Centro Dramático Galego) pode evitar que o galardón veña para a comarca, posto que os outros dous aspirantes son un dos seus compañeiros na obra, o cormelán Víctor Mosqueira, e o vimiancés Vicente de Souza pola súa interpretación en Tango, de Sarabela.

A relación de aspirantes da zona complétaa a ceense María Lado que opta ao premio á mellor actriz secundaria polo seu papel en Oeste solitario, de Producións Teatrais Escénicas. Marta Pazos (A ópera dos tres reas), Mónica García (Citizen total) e Víctoria Pérez (Piratas, Teatro do Noroeste) son as outras aspirantes.

Representación en Cee

Entre as montaxes nominadas aos María Casares figura tamén a que visitará esta tarde Cee. O público da localidade poderá gozar no salón de actos do Concello (ás 19.30 horas) co American Café de Teatro do Morcego, que podería levarse un galardón ao mellor maquillaxe.

Celso Parada dirixe e protagoniza, xunto a María Salgueiro e Xabier Deive, entre outros, esta comedia fronteiriza.