«Na familia somos todos así»

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Campión galego de 50 metros lisos e da Liga e Copa xuvenil co Corme

20 feb 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Francisco Rodríguez Bugallo, Fran (Corme, 1997), comezou dándolle patadas a un balón de fútbol, como case todos os rapaces da súa idade e triunfou no Corme xuvenil con só 13 anos, conseguindo a temporada pasada a Liga e a Copa. Agora arrasa no atletismo. Hai oito días proclamouse campión galego cadete en pista cuberta en 50 metros lisos, conseguindo a mínima para o campionato de España, e un bronce en obstáculos. En xullo foi campión galego dos 100 metros lisos, cuarto de España en individual e por seleccións. Todo en un ano como atleta.

-Parece todo de récord.

-En obstáculos era a segunda vez que competía. Fixera unha proba dúas semanas antes, conseguín a mínima para ir ao campionato galego, competín e fun bronce.

-Ten máis mérito despois dun inverno lesionado.

-Na pretemporada lesioneime dos isquiotibiais e estiven tres meses sen poder facer nada. Saín desa lesión e entrei noutra que me amolou outros dous meses e tiven só un para prepararme. Perdín as dúas temporadas. Na de fútbol toda, practicamente, pero no atletismo a temporada comeza agora e pilloume ben.

-¿Fútbol ou atletismo?

-Non o podo comparar. Pero prefiro o atletismo agora mesmo, porque estou a mellor nivel.

-¿Por que se meteu no atletismo?

-Nunha clase e Educación Física, facendo unhas probas de velocidade, o profesor díxome que tiña moitas calidades para o atletismo. Non lle fixen caso ata que un día probei. En dous meses conseguín o campionato galego e a partir de aí veu o demais.

-¿Ata onde quere chegar?

-Gustaríame facer podio no campionato de España, superar o do ano pasado. Unha medalla. Máis xa non pido.

-¿A quen lle gustaría parecerse no fútbol e no atletismo?

-No fútbol, os meus ídolos sempre foron Roberto Carlos e Zidane, do Real Madrid. No atletismo, gustaría parecerme a Asafa Powell. É baixiño e moi rápido. Eu non son baixiño [mide 1?81 metros], pero...

-¿Que dan de comer en Corme?

-[Ri] Dío todo o mundo. Somos todos así. Na familia somos todos moi grandes.

-¿Entón, venlle de familia?

-O meu avó paterno tamén era atleta de velocidade. Foi campión de Asturias, e ao final da súa carreira collérono para xogar no fútbol, no Oviedo e no Sporting de Xixón. El foi ao contrario ca min.

-¿Como fai para ter tempo para todo?

-De momento non me supón ningún problema, porque adestro tres días atletismo e un ou dous fútbol, se podo. Os campionatos de atletismo son os domingos ou os venres e os partidos os sábados, así que, de momento, vaime cadrando ben.

-Ademais de en A Coruña, adestra en Corme.

-Si, fago series nos días que teño libre. Vou polas instalacións eólicas, onde hai boas costas.

-Os seus pais xa deben ser uns expertos en atletismo.

-O meu pai entende bastante, se cadra porque lle vén de familia. A miña nai tamén vai entendo bastante. Máis que hai ano, seguro [ri].

-Xa recibiu unha homenaxe na Festa do Percebe de Corme o ano pasado.

-Si, foi xunto co equipo de fútbol xuvenil do Corme e o tenista Martín Varela.

francisco rodríguez bugallo atleta e futbolista