Os disfraces ecolóxicos están de moda entre os fans do entroido

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Estas datas son unha boa oportunidade para reciclar cousas vellas

18 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A compañía de teatro compostelá Redrum Producciones deu a semana pasada en Bertamiráns o disparo de saída a un entroido que se presenta máis verde e divertido ca nunca. Coa súa obra «cen por cento ecolóxica» Moito conto, son un exemplo de reciclaxe e divertimento.

Pero ese non é o único xeito de pasar unhas festas entroideiras respectuosas co medio ambiente. Para os que a estas alturas aínda non teñan todo listo para disfrazarse, para aqueles aos que lles falten ideas para pintar a cara, a tenda ecolóxica La aldea Biomarket, na avenida de Fisterra de A Coruña, ofrécelles unha maquillaxe «a base de ingredientes naturais», con aceites vexetais de cultivo ecolóxico, «que non crea reaccións e non prexudica a saúde da pel, sobre todo dos que a teñen máis sensible», segundo a xerente da maior tenda verde en Galicia, Rita Peña.

«Hainos en lapis para un perfilado ou un debuxo determinado, ou en tarro, para estender a base da cara». Parece que esta maquillaxe medioambientalmente respectuosa ten moito éxito, sobre todo entre os máis pequenos da casa. É o produto que faltaba para gozar do entroido sen causarlle ningún dano ao entorno. Só fai falta moita imaxinación e un bo faiado onde atopar todos eses obxectos que nunca pensaches que volverías usar.