«Os consellos non deben interferir na autonomía local»

Eduardo Eiroa Millares
e. eiroa CEE / LA VOZ

CARBALLO

Cre que o órgano que preside debe escoitar, non xerar novos conflitos

15 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Modesto Fraga Moure (Fisterra, 1974) vén de converterse no novo responsable comarcal do BNG. Colle a formación nun momento complexo polas tensións do grupo a nivel galego, e pola moción de censura que se aveciña en Cee, xa no ámbito local.

-¿Cal é a súa postura sobre esa moción de censura?

-Quero deixar claro que niso falo a nivel particular, sobre ese asunto, cando se reúna a executiva falarei en nome de todos sexa o que sexa o que se diga alí. Pero persoalmente creo que os consellos comarcais non deben interferir na autonomía local. Son órganos coordinadores, temos que escoitar, dar opinións, non xerar novos conflitos, que xa hai bastantes.

-Logo non a ve con malos ollos.

-A xestión que faremos irá por esa vía que digo, a de non interferir. Os concelleiros de cada sitio foron autorizados cos votos que tiveron. Eu non son quen para dicirlles o que teñen que facer. En todo caso, sobre o tema de Cee, o que cómpre agora é ser responsable e non adiantar cousas. Cando se reúna a executiva pronunciareime en nome de todos.

-Se se trata de non interferir...

-Os lexitimados, para ben ou para mal, son os elixidos cos votos. E en todo caso a asemblea local. Pero eu teño que ser neutral neste asunto e dar unha opinión apoiada pola executiva. O que está claro é que o consello anterior pronunciouse claramente en contra e nós non estamos na mesma liña.

-¿Como ve as liortas do partido a nivel galego?

-O que máis me preocupa é o problema que temos no BNG. Eu coido que somos militantes por enriba das correntes internas. Eu o que quero é traballar pola Costa da Morte, visibilizar os problemas de aquí nos órganos de dirección, premer para que a comarca estea presente nos foros onde se deciden cousas importantes como a pesca.

-¿Por que decidiu ser candidato?

-Eu nin tiña intención nin o esperaba. Propuxéronmo. Falouse de presentar unha alternativa á UPG e propuxéronme a min. Díxenlles que me sentía moi honrado, pero puxen unha condición, a de non ir baixo ningunha sigla. Eu son independente. De feito non estou nin na UPG, nin en Máis Galiza nin no Encontro Irmandiño. A miña satisfacción foi que a militancia confiou nunha persoa independente polo traballo que estamos a facer.

-E finalmente gañou, pero por pouca marxe.

-A cousa foi moi axustada, e a participación moi alta. Foron a votar en Corcubión o 70% dos militantes do BNG da comarca. Ao final gañei eu por 77 votos contra 71 do outro candidato. Sabía que ía estar axustado, pero non tanto. Estou moi agradecido aos que traballaron na candidatura, Mancebo, Dani Oca... E quero destacar que o día da votación, fóra da tensión propia deses momentos, foi todo moi cordial.

-Tócalle vivir unha etapa política nova.

-Espero saber estar á altura das circunstancias e da responsabilidade outorgada.

-¿Como queda o reparto no consello?

-Na executiva comarcal quedan catro na nosa candidatura e sete da outra, e oito nosos e sete deles no consello.

modesto fraga moure

responsable comarcal do bng