Pondal volveu á nenez cos pequenos de Ponteceso

Os alumnos de infantil achegáronse á obra do poeta cunha celebración organizada pola fundación de Cospindo


CARBALLO / LA VOZ

Os nenos de educación infantil do colexio Eduardo Pondal de Ponteceso gozaron onte dunha xornada máxica. Literalmente. Vestidos cos traxes tradicionais, os pequenos tiveron a oportunidade de coñecer a tres fermosas fadas, Rouriz, Bergantiños e Baltar (Tamara Lema, Sofía González e Alba Costa), coas que viaxaron no tempo para coñecer en persoa ao poeta Eduardo Pondal (caracterizado polo actor Pepe Soto), co que onte celebraron o seu 177.º aniversario. A festa, na que non faltaron nin os agasallos nin a torta, foi posible grazas á Fundación Eduardo Pondal, que quixo conmemorar o nacemento do escritor pontecesán achegando a súa obra aos futuros lectores, nenos aos que aínda lles custa diferenciar as letras, pero que onte escoitaron atentos os versos de Ponteceso e Terra de Bergantiños, ademais de A fada Rouriz, de Xoán Babarro, tres poemas que lles leu o mesmísimo Pondal e que Silvia Losada encargouse de cantar cunha dozura que incluso lle fixo pasar por unha fada máis.

Conquistados cos cantos de Silvia e coa música de Víctor do Pecho e Suso do Becho, os nenos, de tres, catro e cinco anos, pasaron a mañá elaborando fermosos agasallos para o homenaxeado, quen os recibiu ao calor da lareira da Casa do Cura, emocionado e sorprendido, convencido ao tempo de que «agora ir á escola é mellor que ir á festa».

Cantáronlle o feliz aniversario e axudáronlle a soprar as candeas dunha saborosa torta de chocolate (moitos foron os que insistiron en repetir), ante a atenta mirada dos responsables da Fundación Pondal, encabezados polo seu presidente, o alcalde José Luis Fondo Aguiar, que constataron que a obra de Pondal estará a salvo coas novas xeracións. Nenos aos que lles custaba entender como alguén podía vivir tantos anos, pero que tiñan moi claro que as fadas si que podían existir.

177.º aniversario do autor de «queixumes dos pinos»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos

Pondal volveu á nenez cos pequenos de Ponteceso