«Galicia era un vertedoiro incontrolado antes de Sogama»

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Coa planta medioambiental do sur preténdese rematar coa saturación da de Cerceda

04 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, vai ter un 2012 atarefado e difícil. Os recortes económicos tamén chegan ao seu departamento, así que o seu obxectivo é «facer máis con menos».

-Estase a falar moito da planta medioambiental no sur de Galicia. ¿Por que hai tantas voces en contra?

-Probablemente teñamos unha falta de transmisión axeitada da información. Estamos desenvolvendo o Plan de Residuos e esa planta debe estar situada nalgún lugar. É certo que un número importante de cidadáns maniféstanse en contra dese punto, pero Galicia ten máis de 2,6 millóns de habitantes, e 5.000 persoas son unha porcentaxe minúscula. Traballamos para o interese xeral e queremos resolver un problema. Antes da entrada en servizo de Sogama, Galicia era un vertedoiro incontrolado. Sogama acabou con iso.

-¿Pode cambiar de situación?

-Foi unha empresa [Estela Eólica] a que considerou O Irixo e nós analizamos se ese lugar estaba conforme co Plan de Residuos. O emprazamento parécenos correcto. Agora temos que tramitar o proxecto empresarial, analizar a situación concreta dentro do concello e garantir que a instalación sexa inocua e respectuosa co medio ambiente.

-¿Pódese acabar coa débeda dos concellos con Sogama?

-É un problema delicado e grave porque é unha parte importante dos ingresos da compañía. Pero gustaríame salientar que Sogama pechou o ano 2011 cun pequeno beneficio. Polo tanto, podemos garantir a súa solvencia financeira. Existen concellos que non pagan o que deben. Hai problemas moi importantes, especialmente graves na mancomunidade de O Morrazo e en Pontevedra. Sogama está a perseguilo e está negociando ca Fegamp e cos concellos. Intentaremos que esta situación non faga que poida entrar en números vermellos.

-¿Que plans teñen en canto ao peche de vertedoiros?

-Estamos traballando nos últimos cunha axuda importante da UE. Só quedan tres ou catro por selar. Ese é un dos maiores valores positivos da implantación dun modelo como o de Sogama.

-¿Que obxectivos ten a súa consellería para este 2012?

-Despois da aprobación do POL, estamos a poñer en marcha a Estratexia da Paisaxe. Temos identificadas doce paisaxes típicas de Galicia e queremos implantar un catálogo e unhas directrices para o desenvolvemento de calquera instrumento de ordenación neses ámbitos.

-¿É o medio ambiente prioritario na súa consellería?

-Estamos a demostrar que é posible o desenvolvemento de infraestruturas e a ordenación do territorio co máximo respecto ao medio ambiente.

- ¿Vai haber moitos recortes?

-Temos que facer máis con menos. Este Goberno pode dicir alto e claro que ten traballado moito na planificación de temas importantes como o Plan Hidrolóxico, o de residuos, as directrices de Ordenación do Territorio, o POL, ou nas do chan empresarial. Damos prioridade e blindamos o gasto para saneamento de rías e estamos cumprindo o obxectivo de acadar o bo estado ecolóxico das nosas augas no 2015 como moi tarde.

-¿Paga a pena construír polígonos coa crise actual?

-O Plan de Chan Empresarial trata de buscar emprazamentos que sexan conformes cos valores ambientais de Galicia.

agustín hernández conselleiro de medio ambiente, territorio e infraestruturas

«Blindamos o gasto para acadar o bo estado das nosas augas no ano 2015»