The Cerne revive o espírito rock de Carballo con temas inéditos

Mar Varela CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A formación comparte escenario hoxe con Falso Joker e Tínperis

03 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A música local encherá esta noite o escenario do Pazo da Cultura de Carballo a partir das 9 da noite. Os debutantes Tínperis romperan o xeo nunha noite que contará coa presenza de Falso Joker e The Cerne.

Parte desta última formación pasou onte polos estudios de Radio Voz Bergantiños para interpretar en directo dous temas propios, A prisión da mente e Mar. As guitarras de Guillermo Mato e Juan Cancela atoparon na voz de Belén Rey o mellor complemento posible.

A cantante ten pouco máis de 20 anos e, por idade, eles poderían ser os seus pais. «Pero non son nada carcas», di entre risas a solista, quen tamén asegura que «a música é unha válvula de escape para todos». E niso os anos non contan, senón máis ben os gustos musicais. Despois de pisar boa parte dos bares e casas da cultura da comarca interpretando grandes éxitos musicais, sobre todo temas en inglés dos anos 70 e os 80, o seu disco aposta polo talento carballés e dá a coñecer pezas de dous grupos xa desaparecidos, Trámites e Helium. O propio Juan Cancela fixo os arranxos «para adaptalas ao son actual, e Belén captou perfectamente a idea», afirma Guillermo Mato.

O 2012 comeza coa presentación dos temas do cedé no punto de mira. Esta noite no Pazo da Cultura as cancións propias compartirán espazo con versións ben coñecidas. Os que se animen a achegarse non deben ter medo das baixas temperaturas porque acabarán, seguro, de pé.

A iso xa comezan a acostumarse despois do éxito da Gala Americana no Teatro Colón da Coruña, onde Belén Rey conseguiu levantar da súa butaca ao máis pintado, «e iso que ao principio viña todo o público ben elegante, pero en canto saíu ela o Colón veuse arriba», lembra Guillermo. A cantante recorda estar sentada nunha cadeira antes de comezar «e tan chea de nervios que non tiña voz», pero o seu potente instrumento vocal apareceu en canto soou a primeira nota da Sinfónica de Melide. Juan, en cambio, asegura que contaba co éxito daquel formato: «Levamos dende os 9 anos tocando e aquela noite tiñamos que ir a por todas. Se non triunfabamos con aquela montaxe, non o iamos facer nunca».

Novos proxectos

A colaboración coa Orquestra Sinfónica de Melide e coa Coral Polifónica El Eco non vai quedar aí. Nos próximos meses van seguir coa promoción do disco, pero coa vista posta no 2013. Van comezar a preparar temas pop rock dos anos 80 en colaboración coas dúas formacións e, ademais, a idea é que se poidan arranxar algunhas cancións propias para incorporalas ao repertorio desas galas. «Se facer versións de cancións coñecidas cunha orquestra sinfónica é impresionante, escoitar os temas propios vai ser a leche», sentencia o guitarrista Guillermo Mato.

Mentres tanto non descartan preparar novas cancións para un segundo disco. A experiencia do primeiro deixoulles bo sabor de boca a pesar de que foi gravado en só nove horas. Como na súa portada, tan só queda que volvan a vestir o mono de traballo para poñer en marcha todas as ideas que teñen na cabeza.

rockcarballo música para combater as baixas temperaturas