Gonzalo López Abente en «La Estafeta Literaria»

Miro Villar

CARBALLO

20 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

Arevista madrileña La Estafeta Literaria no seu número dobre do 14 e 28 de agosto de 1965, que coñecemos a través do historiador Manuel Vilar Álvarez, publicou a súa terceira entrega do Mapa Literario de Galicia. La Estafeta Literaria estaba considerada como a publicación cultural oficial do réxime franquista, de feito nacera en 1944 da man do censor Juan Aparicio, daquela director da Delegación Nacional de Prensa. O médico e escritor falanxista Luis Ponce de León dirixiuna entre 1962 e 1968, cando a revista dependía do Ministerio de Información, de Manuel Fraga, que figuraba como editor nesa altura, o que podería explicar o interese da publicación por principiar por Galicia a súa serie de Mapas Literarios. A autoría é colectiva, malia a sinatura corresponder ao director Luís Ponce de León.

Na páxina 175 publica a que debeu ser a primeira biografía de Gonzalo López Abente despois da súa morte o 23 de xullo de 1963. Trátase dunha breve ficha, ao xeito enciclopédico, que nin sequera cita a totalidade da súa obra, mais que é ben interesante polo difusión externa que facía da literatura galega e pola positiva valoración que fai do escritor muxián. Velaquí o texto completo: «López Abente, Gonzalo: Uno de los poetas más importantes del siglo XX. Natural de Muxía (La Coruña), emparentado con Pondal. Después de Escumas da Riveira publica Alento de raza, canto viril de la tierra gallega, el valle, la montaña, la costa brava, el dolmen y los pinos. En 1924 publica D?Outono, colección de 60 sonetos de indudable perfección. El libro Nemancos (1929) significa un avance en su poesía, por su acento vigoroso, su belleza de imágenes, su selecta adjetivación. A través de sus versos descubrimos resonancias de la poesía pondaliana. López Abente es también novelista en O diputado por Veiramar y Vaosilveiro, y comediógrafo en María Rosa».

De por parte, La Estafeta Literaria só inclúe outros seis autores da Costa da Morte: Alfredo Brañas, Baldomero Cores, Labarta Pose, Teodoro Morgade, Eduardo Pondal e Antón Zapata García, todos eles agás Pondal con brevísimas fichas bibliográficas.