«As medallas son ferralla, o que queda son as vivencias»

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A Costa da Morte acollerá no 2012 competicións de artes marciais

26 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Merce Barrientos Varela (Muxía, 1971) está no terceiro mandato á fronte da Federación Galega de Taekuondo. Tocoulle vivir o mellor momento deste deporte na nosa comunidade.

-¿En 30 anos de carreira, leva a conta de todos os trofeos?

?Comparado cos rapaces de hoxe en día non gañaba nada. Eles teñen títulos a esgalla. Para nós obter unha medalla nun campionato de España era algo asombroso. Para eles é algo moi habitual. Non levo a conta dos trofeos. De feito, hai pouco desfíxenme de todos os que tiña na casa. A miña nai rescatou un moi grande e teno enriba da cheminea da súa casa. Sempre digo que as medallas acaban sendo ferralla. O que realmente queda son as experiencias, os amigos, as vivencias.

-¿Como chega unha rapaza de Muxía a ser presidenta da Federación Ggalega de Taekuondo?

?Con moito esforzo dos meus pais e dos meus adestradores, e con moita casualidade, porque eu non sabía que quería facer taekuondo. Pero o primeiro clube que abriron en Cee era diso e o meu pai anotoume.

-¿É necesaria a Asociación de Mulleres Deportistas Galegas á que vostede pertence?

?Si. Cambiar a mentalidade dunha sociedade require uns pioneiros. [É necesario] que as mulleres deportistas sexan recoñecidas e visibilizadas igual que os homes. No futuro darémonos conta desa necesidade.

-¿Ten boa saúde o taekuondo na Costa da Morte?

?Máis agora que antes. Non había clubes federados na zona e agora xa comezamos a telos: o Club Arte e Movemento de Cee ou a Escola Deportiva Municipal de Muxía, da que estou orgullosísima. Logo hai unha serie de pseudoasociacións que se presentan como clubes ou entidades federadas e que significan, a longo prazo, un fraude para a xente, que cre que está facendo un deporte federado e que está competindo en torneos oficiais, e pasado o tempo dase conta de que non é certo. É un problema gravísimo. Algunha xente fai un pequeno negocio a costa de presentarse como o que non son.

-Na Costa da Morte temos campións en taekuondo ITF.

?Estáselles vendendo a eses rapaces que son campións de algo [non recoñecido]. O presidente desa entidade formouse no mesmo club ca min, así que o seu taekuondo non pode ser moito máis tradicional co meu. Estáselles vendendo que son grandes competidores e non é certo, porque logo non teñen un recoñecemento porque a súa modalidade non existe. É un pequeno fraude, porque se lles está dicindo que son campións de España, e iso conlevaría o recoñecemento de deportista galego de alto nivel.

-Noutros modalidades, con menos palmarés, os deportistas son case deuses.

?Outros, con bastante menor esforzo e rendemento, conseguen recoñecemento social e recursos económicos. É un feito que hai que remediar. Considero que, a maior esforzo, debería haber maior recoñecemento.

-¿Que obxectivos ten para o 2012?

?Ter alguén nos Xogos Olímpicos de Londres. Son a gran meta e só a poden acadar un par de deportistas. Os outros 5.000 aspiramos a, como mínimo, manter o nivel que temos. A que cando participamos en competicións estatais ou internacionais a xente diga: ?Coidado, que vén a selección galega?. Esa sensación é moi gratificante.

-¿Vai deixar a Federación?

?Eu xa non quería estar no terceiro mandato, pero os clubes modificaron os estatutos e pedíronme que continuase. Espero ver os Xogos de Río [en 2016], pero liberada de calquera responsabilidade directiva.

-¿Haberá competicións de taekuondo na Costa da Morte?

?Os eventos teñen que ir parellos co nivel deportivo dos practicantes da zona. Vai haber torneos na Costa da Morte. Comezaremos creando nivel deportivo e de eventos. O ano que vén, o club Arte e Movemento de Cee solicitou a celebración do campionato galego escolar.

mercE barrientos presidenta da federación galega de taekUondo

«Algunha xente

fai un pequeno negocio a costa

de presentarse como o que non é»