«O dominó é un xogo bastante máis serio que as cartas»

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O establecemento de Canduas organiza dende hai 33 anos un campionato no que participan 33 parellas da bisbarra

20 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Aurelio Costa Martínez organiza o campionato de dominó máis antigo de Galicia. Celébrase en xaneiro, despois de Reis, no bar O Empalme de Canduas, en Cabana. Agora vén de abrir o prazo de inscrición da nova edición, que é a número 34.

-¿Canta xente vai participar?

-Hai un máximo de 18 parellas, pero ultimamente non son máis de doce ou catorce. Ao principio, vai facer 34 anos había máis xente, pero estase perdendo a afección a este xogo, hai pouca xente nova.

-¿Por que?

-Os rapaces prefiren a baraxa. O dominó é un xogo bastante máis serio que as cartas. Despois do campionato de dominó, nós organizamos un maratón de tute a veñen moitos mozos. Non collemos máis de 16 parellas, pero podería haber moitas máis. Para o dominó hai que saber xogar ben, nas cartas é importante levalas boas, pero no outro tes que ter estratexia, ademais podes pechar sen decatarte. É máis complicado.

-¿Como empezou o campionato de dominó?

-Naceu unha tarde. Estabamos Manuel Quintela, da Irmandade de Labradores; Narciso García, que era oficial da Concello, e Macario Bravo Noguerol, o comandante da Garda Civil de Ponteceso, que agora está retirado e vive en Caión. Os outros dous morreron. Decidimos montar o campionato en xaneiro de 1978 e desde aquela non paramos. Eles viñan todas as tardes ao bar e sempre andabamos barruntando algo. O primeiro ano xa tivo bastante aceptación e non parou nunca. Agora aínda vén xente de Carballo, Malpica, Ponteceso, Baio e outros lugares. O primeiro ano houbo 16 parellas e chegamos ás 18. Agora temos unha ducia ou 14.

-¿Había moita xente que lle gustaba o dominó?

-Foi o cura de Canduas, Antonio Méndez Farto, o que ensinou o xogo a moitos rapaces da volta. Agora hai menos afección porque deses rapaces marcharon para Suiza e agora xa maiores, son os que se anotan para o campionato.

-¿Dende cando está o párroco?

-Xa estaba cando eu casei e para o día da Lotería vai facer 40 anos. El xa levaba un tempo en Canduas. Moitos dos que veñen agora aprenderon con el.

Aurelio Costa martínez propietario do bar o empalme