Muxía acollerá un recital, o Seminario de Estudos Comarcais convoca un certame e a autora comerlana Diana Varela publica o seu primeiro poemario para nenos
14 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A tradición poética da Costa da Morte mantense viva na actualidade grazas a un gran número de autores da comarca, algúns dos cales participarán este sábado na quinta edición do recital organizado polo Concello de Muxía. Na cita, que será presentada pola escritora carballesa-muxiana Rosalía Fernández Rial e contará co acompañamento musical de Mon Búa, estarán presentes os poetas Paco Souto, Miguel Mato, Paco de Tano, Serxio Iglesias, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, David Creus, Suso Bahamonde e María Lado. Os seus versos poderán escoitarse a partir das 19.45 horas no Salón de Actos do Voluntariado, onde antes do recital, ás 18.00 horas, actuará o mago Teto, que presentará o espectáculo Perto de ti.
Outra das propostas poéticas destas datas é o certame de poesía sobre os faros da Costa da Morte posto en marcha polo Seminario de Estudos Comarcais para pór en valor «a riqueza paisaxística e turística que teñen estes sinais luminosos da nosa costa». Segundo explicaron, o obxectivo do concurso (o ano pasado estivo dedicado aos Penedos de Pasarela) é continuar co labor de grandes escritores galegos «que se viron inspirados nestes senlleiros edificios». Citan, por exemplo, a Gonzalo López Abente, Antón Zapata ou Miro Villar.
O certame establece tres categorías (menores de doce anos, entre 13 e 16, e autores maiores de 16 anos) e os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e o poema non debe superar os 200 versos.
Segundo establecen as bases do certame, os orixinais deberán enviarse antes do vindeiro día 30 ao enderezo do Seminario (rúa Vilar, 12, 2.º; 15129, Vimianzo).
Os participantes máis novos poderán inspirarse, por exemplo, no novo poemario da escritora cormelana Diana Varela Puñal, que vén de publicar o seu primeiro libro infantil, As trovas de Midas. A novidade deste volume é que a publicación correu a cargo de Edicións Galebook, unha nova compañía dedicada á elaboración de libros electrónicos e contidos educativos dixitais trilingües. Así as cousas, o novo poemario de Varela Puñal pódese conseguir a través da páxina web www.galebook.net.
propostas literarias