Para un político unha inauguración sempre é unha periña en «dulce» que non lle amarga, senón máis ben todo o contrario, pois faille sacar o mellor dos seus sorrisos para a foto e algunha que outra axeitada palabra do seu escaso vocabulario para a típica entrevista. Xa ao vello ditador lle gustaba inaugurar pantanos e pontes por diferentes puntos do territorio español e acostumaba a saír no NODO, aquel vetusto noticiario que nos botaban no cine antes de cada película para que todos os españois soubéramos das grandes obras que o goberno da cruzada realizaba para todos nós. Salvando as distancias, hoxe en día tamén se inaugura de todo. El Rei de España ten inaugurado democracias, xogos olímpicos, exposicións universais e aves. Zapatero, estrañas alianzas, e Felipe e máis Aznar, que antes inauguraban guerras sucias, agora non paran de asistir a inauguracións de congresos, cursos universitarios ou museos. Haxa crise ou non haxa crise o conto é inaugurar e para iso aquí apúntase todo o mundo.
Hai uns meses, nada menos que dous ministros, o de Turismo e o de Industria, viñeron a colocar as dúas primeiras pedras do parador de Muxía, que por certo aínda non se sabe se a obra será rematada ou non, pero a «peirallada» e a foto no xornal, custe o que custe, hai que facela. Hai uns días foi o presidente da Xunta quen, coa compaña de media ducia de alcaldes e outros «cargos» da comarca, inaugurou o tramo da vía rápida entre Cee e Fisterra, unha obra faraónica que fará que o progreso definitivamente chegue cinco o seis minutos máis rápido a Fisterra e que, ademais, desvíe uns 5.000 vehículos diarios da vila de Cee, cifra totalmente certa pois para iso contrataron a un inmigrante legal que estivo varios días sentado no cruce de Pereiriña contando os coches que pasaban.
Claro que isto non vai a saír no NODO, pero para que todos os cidadáns da Costa da Morte esteamos ben informados de tanta marabillosa obra e do «benfacer» de tanto gobernante están as fotos dos periódicos, as televisións, as ondas radiofónicas e as placas conmemorativas. ¡Oh, as placas!: «Este parador, esta estrada, este polideportivo ou este monumento inaguróuse estando de presidente Fulanito Rodríguez e de alcalde Menganito Pérez». ¡Vaia oh! Nin que as construíran eles! Deberían deixarse de lerias e escribir o que escribiron os veciños de Cee nunha céntrica fonte que ten máis de cen anos e que pon: «Se hizo a costa de la villa». Iso si que é unha placa ou ¿é que todo canto se fai non procede das nosas carteiras?.
É tal a carallada que hai con estes asuntos que ás veces estrean cousas que non están rematadas e outras veñen a facelo cando o inaugurado xa está funcionando hai tempo. Recordo nunha ocasión cando colaboraba con Radio Voz, a finais do século pasado, que viñera o por aquel entón presidente da Xunta, Manuel Fraga, a «inaugurar» a ampliación da estrada Carballo-Fisterra meses despois de que esta estivera rematada. Por tal motivo fixéralle unha copliña con retranca fisterrana que dicía así: «O presidente da Xunta, / don Manuel Fraga Primeiro, / tamén chamado o gaiteiro, / olvidouse desta punta, / confín última da terra, / e quixo quedarse en Cee / porque dixo para que / vou chegar ata Fisterra, / esa vila que disputa / ser punto final da ruta / á cidade de Santiago. / Se vou seguro que a cago, / mellor é quedarse aquí, / inaugúrolles a estrada, / e tatarí que te vi. / E iso foi o que fixo, si, / inaugurar unha estrada / que xa estaba transitada. / En fin, deixémola cousa así, / pois aínda non se paga, / non vaia a ser que suceda / que se nos cabree Fraga / e haxa que poñer moeda, euro, peso ou patacón / para chegar a este rincón pola nova carretera».
Desta vez non hai copla, pero o conto é o mesmo. Sempre, e por suposto, «a costa de la villa».