«Os nenos teñen menos prexuízos que os seus pais e profesores»

ángel palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O ceense acaba de gañar o premio Arume de poesía para nenos con «Patente de corso (pequeno dicionario pirata)»

07 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O escritor Rafa Vilar (Cee, 1968) volveu levar os seus versos pola senda da literatura infantil para alumear unha obra que acaba de ser recoñecida pola Fundación Neira Vilas co premio Arume de poesía para nenos. Patente de corso (pequeno dicionario pirata) é o título dun libro no que se deixan sentir os vencellos do autor co mar e no que os corsarios trocan a violencia por inxenuidade. A obra estará nas rúas para a próxima celebración do Día das Letras Galegas, pero moito antes, o día 19 deste mes, Vilar recollerá o seu galardón na sé da fundación dezana, na que tamén se darán cita Iolanda Castaño e Alberto Calvín Corredoira, premiados polo xurado con sendas mencións de honra.

-¿Como xurdiu a idea de escribir esta obra de piratas?

-É un libro de poesía infantil para nenos e nenas. Trata o mundo dos piratas e do mar dun xeito diferente. Está estruturado en forma dun dicionario no que cada entrada é un poema, son trinta en total. O mundo dos piratas xa estaba moi presente na literatura e no cine así que busquei unha óptica distinta.

-¿Séntese cómodo no eido da literatura infantil?

-Absolutamente porque é un xénero moi creativo. Normalmente fago poesía para adultos, pero a infantil permíteme traballar con elementos, coma o humor, que normalmente non aparecen nas outras obras. Este é o meu segundo poemario para nenos tras Acuarelas, que publicou a editorial Galaxia.