A gastronomía da bisbarra remata o mes con fartura

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Concluiron onte dous ciclos de exaltación culinaria e mantense un terceiro ata o vindeiro domingo

28 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Se hai crise, que non se note. É o que deberon pensar os organizadores das tres xornadas gastronómicas que houbo durante o mes de novembro (as de Cómete o Mar duran ata a vindeira fin de semana) en varios restaurantes da zona.

A valoración, en xeral, foi positiva. Asegúrano os propietarios, que recoñecen que toda a clientela que chegue en temporada baixa é boa, por pouca que sexa.

Nove restaurantes de Baio, Cabana e Laxe, con proposta da Asociación de Empresarios Comarca de Soneira, conseguiron que o berberberecho e o bacallao fosen os reis da mesa. Polo menos en restaurantes como o Zúrich, en Laxe, ou A Lareira, en Baio. O seu propietario, Juan Bautista Mato, asegura que «a semana pasada foi marabillosa, estaba o comedor cheo». Non foron tan ben as cousas noutros, debido á crise, din, ou a que «a xente está farta de tantas xornadas».