As xeniais incidencias das votacións

Ramón Traba Velay

CARBALLO

26 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Permítanme que diga que o que máis me gusta de cando hai eleccións non é precisamente esa coñecida frase da que botan man case todos os políticos que se presentan é que di que «a xornada foi unha festa da democracia, porque non houbo incidentes e todo se desenvolveu dentro das canles da liberdade e da tolerancia». Non sei se será por graza ou desgraza, pero hoxe en día as xornadas de votacións son moitísimo máis lights, e descafeinadas que as daqueles primeiros tempos nos que, cando ías a votar, o colexio electoral semellaba a Cova de Zaratustra e os interventores dos partidos algo así como «sabuesos» palleiros que non deixaban de mirar para o sobre de cada votante, como se tiveran radares nas orellas e nos ollos diminutos aparatos de raios X cos que desvelar se a papeleta que metías na furna constituía un voto para o seu partido ou, pola contra, para a oposición.

Debe de ser tamén que xa levamos unha boa chea de anos sendo demócratas e agora que xa estamos afeitos a estes mentireiros días de sufraxio xa non hai bombas de palenque nin tracas retumbando, tras os resultados, nas portas dos candidatos perdedores, coma se unha competición futbolística se tratara.

Afortunadamente, xa non pasan esas cousas, sobre todo porque a meirande parte da xente xa vén un pouco de volta e xa está máis que cansa da clase política e de tanta promesa. Pero, ¿que non haxa incidentes? Por favor, ¡se esa é a salsa da democracia! ¿Que sería dunhas elección sen mesas nas que votan mortos ou rapaciños da teta? ¿Onde iría a parar a liberdade se nos colexios electorais non aparece unha velliña que quere votar a Matías Prats, ou un tolo disfrazado de Lady Gaga ao lado dunhas monxiñas de clausura que saen do convento cada catro anos para exercer o seu dereito democrático? ¡Por favor! ¿Que sería dunhas votacións senón aparecera nunha enganadora furna, por exemplo, unha foto de Cristiano Ronaldo ou de Messi? Por certo, debe ser tal a afección que temos en Fisterra polo fútbol que nunha mesa electoral habilitada nas oficinas do Concello apareceu un voto ca fotografía dun histórico futbolista da Costa da Morte como é o ariete Mané quen, aínda que non se presentara as eleccións, foi votado por algún seareiro fisterrán. O que si xa non sei é se a foto elixida foi rematando un córner dunha testada contra a portería do Cee, ou portando o Santo Sepulcro vestido de penitente na Semana Santa. Se o chego a saber tamén o voto eu e poño unha foto que teño del cando xogaba no Noia, porque estou seguro de que si saíra elixido íao facer mellor que máis de catro.

Noutra das mesas electorais, na número 3 do colexio Mar de Fóra, apareceu un voto para o PP que contiña nada máis e nada menos que un billete de 50 euros. ¡Iso que estamos en crise! O que xa non se sabe é se os 50 euros eran para «la niña de Rajoy», ou para axudar á banca española, que como é moi probe boa falta lle fai. O conto é que os 50 euros foron enviados, xunto coa demais documentación, á xunta electoral. Seguro que ha de haber algún que os cambie de sitio e os meta no bolso.

Non sei se foi nesta mesma mesa na que un home que foi a votar pola mañá, volveu pola tarde porque dixo que se esquecera de marcar os cadriños na papeleta para o Senado, cousa que por outra parte a min me parece moi lóxica e natural porque se o homiño se esqueceu, ¿por que non ía a facelo?

En fin, que en Fisterra, como non diría un político, a xornada electoral non tivo nada de festeira, pero afortunadamente rexistrou algún que outro incidente que polo menos fíxomos rir un pouco a todos, e tamén esquecernos desas diferenzas que temos os uns cos outros cando imos votar e que para miña idea non son tan abismais como moitos se pensan.